Xurxo Mariño: «O noso sistema educativo creou analfabetos científicos»

Raúl Romar García
r. romar REDACCIÓN / LA VOZ

A CORUÑA

O gañador do premio de divulgación da FECYT foi un dos impulsores dos cafés científicos e do discurshow, unha sorte de teatro científico.

22 sep 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Xurxo Mariño Alfonso (Lugo, 1969) estará a partir de hoxe en Bilbao nunha xuntanza sobre comunicación científica e a vindeira semana asistirá en Salamanca ao congreso nacional de Neurociencia. É a vida axitada que ten que afrontar na súa tripla faceta: a de profesor na Universidade da Coruña; a de investigador como membro do grupo de Neurociencia e Control Motor da UDC, e a de divulgador da ciencia. Nesta última faceta foi un dos impulsores dos cafés científicos, nos que tenta achegar os segredos do cerebro á xente que frecuenta as cafeterías, e do discurshow, unha sorte de teatro científico. Estes e outros méritos foron os que lle valeron o premio especial do xurado de Comunicación Científica convocado pola Fundación Española de Ciencia e Tecnoloxía (FECYT).

-¿Que fai un investigador neurocientífico formado no prestixioso MIT dedicado a divulgación da ciencia?

-Eu son neurocientífico como podía ser astrónomo ou xeólogo. De feito empecei como entomólogo, pero a neurociencia pareceume máis interesante. Eu teño paixón pola ciencia, son unha persoa con moita curiosidade á que lle gusta comprender os porqués dos fenómenos naturais.

-Xa, pero a qué vén o seu afán divulgador.

-Porque entendo que un labor importante da xente que temos a capacidade de interpretar a ciencia é transmitila a sociedade para formar a cidadáns con espírito crítico.

-Os temas relacionados coa ciencia están cada vez máis estendidos. Pero as veces se fala por falar.

-A ciencia forma xa parte da cultura do día de hoxe, no que aparecen temas como as células nai ou os transxénicos, pero vexo que hai moita xente que debate sen ter unha mínima idea do que está a dicir.

-E é entón cando fai falla a divulgación.

-Eu entendo a divulgación científica como unha reacción ao papanatismo místico da sociedade, porque a pesar de que todo o mundo ten móbil ou toma aspirinas cando lle doe a cabeza, as pseudociencias seguen a ser moi populares. Refírome, por exemplo, a homeopatía ou á xente que aínda cre nos horóscopos.

-¿Pode explicarse?

-O que pasa é que os seres humanos temos a necesidade de crer en algo, e entón a veces tiramos polo máis fácil, que é a pseudociencia. A xente segue a ter unhas fortes crenzas místicas pseudocientíficas, cando xa existen explicacións científicas para eses fenómenos.

-Non deixa de ser curioso que a homeopatía á que se referiu estea avalada por algúns científicos de prestixio.

-A comunidade científica o ten clarísimo, e está en contra da homeopatía. O problema non é que a xente tome fármacos baseados na homeopatía, que non fan dano porque o seu efecto é o placebo, o problema é que deixe de tomar os verdadeiros medicamentos que si son eficaces. Os vendedores de charlatanería deberían estar encarcerados porque xogan coa saúde.

-¿O problema pode ser que non hai unha verdadeira cultura científica na sociedade?

-Non hai cultura científica. O problema é que se tende a considerar a ciencia como unha rama do coñecemento que alimenta a tecnoloxía e as enxeñerías, pero non como parte esencial da formación da xente. O noso sistema educativo creou un grupo de poboación que son analfabetos científicos que perderon a súa capacidade crítica.

xurxo mariño neurocientífico, gañador do premio de divulgación da fecyt

«A divulgación da ciencia é unha reacción ao papanatismo da sociedade»