Ana Luísa Bouza Santiago (A Coruña, 1960) é a primeira coruñesa de nacemento que figura na candidatura do BNG pola provincia. Nos últimos catro anos foi directora xeral de Igualdade da Xunta, aínda que estes días retornou ao seu traballo habitual nunha entidade financeira. Divorciada, nai dunha filla, está informática de profesión naceu en Monte Alto e, salvo uns anos en Oleiros, viviu toda a vida nese barrio. «Son unha CTV. Miña nai aínda vive na casa que construíu o seu tataravó», presume esta afeccionada ao cine, aos longos paseos e a lectura, que entre mitin e mitin está a ler Conversar con Anxo Quintana .
-¿Por que reclama o voto para o BNG?
-Porque vimos de iniciar un camiño de cambio e porque temos moita ilusión e moitas ideas para afondar nel. E tamén porque nestes momentos de crise é preciso que haxa alguén que mire de verdade polos intereses de este país.
-Din as enquisas que o máis probable é que se repita o bipartito.
-Non comentamos enquisas, pero o que si dicimos desde o BNG é que sempre estamos en disposición de chegar a acordos para garantir a estabilidade e aplicar unha solución de progreso para todos.
-Pero fálase de que houbo dous gobernos estes anos.
-Fomos un exemplo de lealdade institucional. Foi o Goberno da Xunta máis estable. É certo que somos formacións políticas distintas, con programas distintos, pero acordamos un común de goberno que se executou legalmente nun exercicio de responsabilidade que serve como garante de que estamos preparados para repetir a fórmula de traballo outros catro anos.
-¿Atrévese a facer un prognóstico sobre o resultado?
-Sei que subiremos, porque fixemos un gran esforzo para sacar adiante políticas transformadoras e medidas, e explicalas aos cidadáns.
-¿Sería un fracaso non subir a súa representación?
-Aspiramos a ter máis presenza no goberno. As reflexións haberá que facelas o día 2 de marzo.
-¿Por que non hai que votar ao PSOE e ao PP?
-Porque teñen os seus centros de decisión principais en Madrid e iso supón outras prioridades e obediencias. No caso do PP, ademais, eu son de esquerdas e a crise actual e froito das súas receitas, polo que estou segura de que non van ser eles os que nos saquen desta situación.
-¿Onde deben estar as galescolas?
-O importante é o concepto. Teñen un concepto de educación, pero tamén son un elemento clave na conciliación da vida laboral e familiar. O importante é que o proxecto é válido en si mesmo, o xestione quen o xestione.
-¿De que lle valeron a A Coruña estes catro anos?
-Principalmente, de moitos investimentos en materia de igualdade e do cambio nas políticas de vivenda, onde coincidiu coa chegada do Bloque ao Concello e onde se empezou a apostar pola rehabilitación.
-Pero na cidade non se executou ningunha galescola nin centro de día dos dez que prometeu Anxo Quintana.
-Os procesos teñen etapas e neste caso concreto rexistramos un certo retraso na entrega das parcelas para a construción dos centros que puido provocar o retraso.