«Plácido Castro comprendeu a importancia da súa cultura»

Eduardo Eiroa Millares
e. eiroa CEE / LA VOZ

CARBALLO

A entidade entrega hoxe en Corcubión o premio anual de tradución ao vigués Fernando Moreiras Corral

08 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A Fundación Plácido Castro leva once anos de andaina con diversas actividades nas súas memorias como publicacións, charlas e premios. Hoxe en Corcubión, vila natal do home que dá nome a entidade, entrégase ao vigués Fernando Moreira o premio de tradución por unha adaptación ao galego de Pope. É unha das facetas dunha asociación que busca revitalizar a figura do intelectual corcubionés. Xulio Ríos (Moaña, 1958) é o secretario da fundación.

-Ademais do premio, ¿que outros traballos fai a fundación?

-A fundación está moi consolidada e o compromiso dos patróns (concellos de Corcubión, Cambados e Vilagarcía, Asociación de Tradutores e o IGADI) é o de seguir. Temos un libro da relación de Plácido Castro con Irlanda que editaremos nun volume e no 2013 faremos unha exposición cos 80 anos do recoñecemento de Galicia como nacionalidade, algo no que participou Plácido Castro, faremos a conferencia anual, seguramente en Lugo, relacionada co paso de Plácido pola BBC e contando con xente dese medio.

-A figura de Plácido Castro é pouco coñecida. ¿Quen foi?

-Lamentablemente é moi pouco coñecido en Galicia. Foi un xornalista, tradutor e político galeguista con dúas épocas claras, antes e despois da Guerra Civil. Viña dunha familia moi acomodada e foi educado no Reino Unido nun centro con parte da familia real británica. Sempre comprendeu a importancia de protexer e poñer en valor a súa lingua e a súa cultura. Unha frase súa representa o seu pensamento, «progreso con identidade». É un pensamento moi interesante para o tempo en que vivimos.

-¿Cales foron as súas aportacións culturais?

-Foi un dos poucos galeguistas dos anos 30 que non falaba de ouvídas. E foi o único membro da comisión executiva do Partido Galeguista que sacou máis votos que Castelao. Non en tanto é unha persoa esquecida cun pensamento moi útil. Deixou unha obra periodística moi extensa e traducións importantes. El cría na importancia de resaltar o que nos diferenza con respecto aos demais como un valor positivo. Chegou a conclusión de que había que se galeguista como os británicos, que progresaron sendo diferentes.

-¿Por que foi esquecido?

-Cando despois da Guerra Civil Piñeiro quixo reconstruír o Partido Galeguista non se incorporou. A guerra supuxo un golpe á familia que pesou moito.

xulio ríos secretario da fundación plácido castro