«Poesía e narrativa non son máis que palabras nun papel»

antía gonzález CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

«É moi satisfactorio participar nunha iniciativa así, e máis se é no teu pobo»

26 ago 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Ignacio Silva Regueiro (Carballo, 1978) é un dos escritores que estará hoxe na Praza dos Libros, nunha conversa coa poetisa Rosalía Fernández Rial. O seu último libro, Cara B, da editorial Xerais, é unha obra que sira arredor de tres historias, todas unidas por un mesmo nexo.

-¿Contento de participar na Praza dos Libros?

-Si, por suposto. Calquera actividade que estea relacionada cun acto cultural en si mesmo sempre produce moita satisfacción, e máis aínda se é no teu propio pobo.

-¿Cal cre que é o labor máis importante da feira?

-Eu penso que intentar normalizar o libro, é dicir, darlle unha forma de expresarse en si mesmo alén de autores e demais, senón que todos poidamos considerar dalgún xeito algo noso do libro. Agora mesmo hai unha falta de lectores preocupante, e penso que este tipo de iniciativas sirve para achegar á xente o libro e que o fagan seu.

-Hoxe terá unha conversa coa poetisa Rosalía Fernández. Ela poesía, vostede narrativa... ¿Por onde irán os tiros do debate?

-Pois eu estou aberto a todo tipo de preguntas e de respostas. Son dous xeitos de escribir totalmente distintos, pero poesía e narrativa non son máis que palabras nun papel. Supoño que haberá unha disparidade propia das persoas, alén dos estilos

-¿Que pode desvelar do contido de «Cara B»?.

-É un volume de tres novelas, porque non me gusta categorizalas. Son tres historias que teñen en común o fondo da temática, que é a exploración dese lado escuro da xente, comportamentos que todos temos dun xeito illado e que aparecen en determinados momentos.

-¿Por que debemos acudir á Praza dos Libros?

-Porque hai libros, e pensar en se o mercas ou non iso é impagable, polo menos para min. Ademais, hai moitas actividades e un programa estupendo.