As distintas manifestacións da cultura tradicional da parroquia malpicá de Cerqueda acaban de dar un salto importante de cara a súa preservación ao pasar a formar parte do arquivo etnográfico que está a elaborar a Asociación de Escritores en Lingua Galega co programa Polafía e que xa se pode consultar en Internet.
Os 41 vídeos que se poden ver a través da web www.aelg.org son o resultado da xornada desenvolvida na localidade durante antroido pasado en colaboración entre a propia asociación e as entidades locais Monte d?Arxa e Raigañas, e na que tomaron parte varias ducias de veciños.
Coplas, romances, regueifas, comparsas, actuacións musicais e outras pezas da tradición oral local integran un valioso material que pode ser consultado xa desde calquera punto do Planeta a través de Internet. De feito, os 41 vídeos -algúns de só uns segundos de duración e outros de máis de dez minutos- recibiron en total en poucos días varios centos de visitas. Esta iniciativa permitiu rexistrar manifestacións que ata o de agora só se transmitiran de xeito oral e que, polo tanto, corrían o risco de perderse no esquecemento.