O ceense Miro Villar coordina e prologa unha coidada escolma da obra de Bernardino Graña

La Voz CARBALLO/LA VOZ.

CARBALLO

11 ene 2011 . Actualizado a las 02:00 h.

O escritor ceense Miro Villar retorna á actualidade do mundo literario, pero non para dar a coñecer novos poemas da súa autoría, senón para asumir a responsabilidade de seleccionar, introducir e prologar unha escolma da obra de Bernardino Graña, autor nacido no Morrazo en 1932.

Ser auga, darse en auga é o título dunha coidada edición do Centro PEN de Galicia que acaba de saír ao público e que fai, como revela o seu subtítulo (Medio século: 1958-2008), un percorrido polas cinco décadas de creación literaria comprendidas entre a publicación do primeiro e o último poemario de Graña. «A escolla -explica Villar- é decisión do autor desta Poesía Selecta e, polo tanto, feita desde a subxectividade e o pracer literario persoal de quen se pode gabar unicamente de ser atento lector de toda a obra de Bernardino Graña».

A escolma recolle algo máis de medio centenar de poesías ordenadas cronoloxicamente e incluídas en nove obras, que arrancan con tres composicións dos Poemas do home que quixo vivir (1958) e péchanse cunha pequena selección de Acendede as almenaras (2008).

Traxectoria vital

O coordinador abre o volume cunhas notas biográficas que permiten revivir boa parte da traxectoria vital, profesional e literaria do poeta: Desde o seu Morrazo natal dos anos 30, pasando pola emigración formativa e docente que o levou por media España; o «colapso» que, na metade dos anos 70 o animou a regresar a Galicia, ata chegar aos recoñecementos das últimas décadas.

E continúa cunha análise da súa produción poética e unha conclusión: «A característica fundamental do feito poético non é, pois, a de expresar conceptos senón a necesidade de reflectir un pulo interior en relación coa respiración e co latexar do corazón. O Poeta só ten que conectar co corazón da súa época», di Villar antes de deixar que sexa o propio autor o que se explique a través dunha declaración de principios publicada no Boletín galego de literatura: «Se vives, vibras. E se vibras, escribes».