Case un cuarto de século no ámbito da política -actividade complementada con 40 anos no Banco Pastor- non foron suficientes para que Leoncio Olveira deixase a primeira liña da vida social e política de Fisterra. A corporación municipal decidiu, o 2 de novembro, nombralo xuíz de paz, substituíndo a Rosa Traba no posto. Aos seus 66 anos séntese como un neno con zapatos novos.
-¿Que representa para vostede este novo cargo?
-Supón un recoñecemento á miña traxectoria política. Fun edil 24 anos, dende 1983 ata o 2007. Creo que iso é o que o equipo de goberno ve en min: unha persoa dialogante que trata de buscar o consenso.
-Agora terá que mediar entre partes en disputa, e tomar decisións ás veces complicadas.
-Xa conto con algo experiencia na materia. Ata 1983 exercín de fiscal de paz, pero antes era a Audiencia a que nomeaba aos seus cargos. Evidentemente convertinme nunha especie de filtro antes de que as partes en litixio vaian polo procedemento civil. Terei que ter man esquerda para tratar de arranxar os problemas que poidan xurdir. Iso si, o de Fisterra é un municipio bastante tranquilo neste tipo de cuestións.
-¿Que é o que necesita de forma urxente para exercer de xuíz de paz?
-Xa o falei co alcalde. Necesito un despacho propio para poder atender á xente dunha forma discreta a calquera hora do día. Hai que ser flexible cos horarios de traballo da xente.