A Laracha en Dúas Rodas participará un ano máis no pelotón do Día da Bicicleta que se celebrará o domingo
05 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Santiago Ríos Cotelo, de 48 anos, é o presidente do club ciclista A Laracha en Dúas Rodas, creado hai tres anos por un grupo de afeccionados ao ciclismo. Este domingo participarán, como cada ano, no Día da Bicicleta, que organizan o Concello, La Voz de Galicia e Radio Voz. A ruta que percorrerá os núcleos máis importantes de A Laracha. Santiago Ríos comentou a iniciativa como parte activa do proxecto.
-¿Que papel terá este ano o club?
-O de todos os anos. Imos axudar a controlar desde o pelotón, sobre todo aos rapaces. Imos ir diante e detrás co coche que abre o tráfico para que ninguén se desmadre . Hai que ir amodiño.
-¿Cantos anos levan xuntos?
-Constituímonos como asociación hai tres anos, pero xa levamos xuntos desde moito atrás. Eu son o presidente, pero a alma máter do grupo é Gerardo Méndez Rodríguez. Ao principio eramos uns cinco ou seis, pero co tempo empezou a aparecer máis xente. Agora hai moita afección en A Laracha, a xente anímase a saír con nós, non ten nada que ver que sexan socios ou non, pois neste sentido levámolo moi á lixeira, aínda que o teñamos organizado.
-¿Que lle parece a iniciativa do domingo?
-Está moi ben para fomentar o ciclismo na zona. Unha iniciativa moi boa, máis ben para principiantes, non é que nós sexamos profesionais, senón que somos de montaña. Todo é empezar, pero é unha pena que non haxa continuidade, pois é moi bonito ver á xente maior facendo o esforzo, aínda que sexa con bicis antigas. Digo isto porque os rapaces agora xa andan igual.
-¿Que lle parece a ruta?
-Ten a dificultade na baixada a Caión polo perigo que teñen moitos de embalarse, pero realmente é moi sinxelo, nunca sucedeu nada.
-¿Como sobrevive o club?
-A base de axudas do Concello e a Deputación. Ademais, desde o ano pasado celebramos unha ruta no mes de setembro onde se cobra a inscrición, conta cunha dificultade bastante alta e alcanza os 50 quilómetros.
-¿Algún dos membros participou en marchas ciclistas de alto nivel?
-Hai pouco uns catro ou cinco membros fixeron os 10.000 do Soplao, unha das rutas máis duras que hai.
-¿Cre que a comarca é un terreo acorde para o ciclismo?
-Sen dúbida, a nosa comarca é idónea para o ciclismo, cuns altos e baixos perfectos para a bici.