Teodoro morreu traxicamente cando contaba con apenas 20 anos. Ás doce do mediodía do domingo 21 de xullo de 1935 saíu nunha piragua na compaña do seu amigo Rogelio Paredes pola ría coruñesa, pero ás dúas e media zozobra a embarcación á altura da denominada punta do Boi. Rogelio consegue nadar ata a costa, mais non así Teodoro, que apenas sabía nadar. O seu corpo desapareceu e non se atopou ata a mañá do día seguinte. O triste suceso foi recollido pola prensa galega e incluso pola madrileña, pero foron as páxinas de La Voz de Galicia as que ofreceron un tratamento máis intenso, ocupando boa parte da súa portada, pois a familia Morgade era moi coñecida na capital herculina.
A figura de Teodoro Morgade foi recordada na súa vila natal durante moitos anos, pois levaba o seu nome o antigo campo de fútbol do C. D. Baio, aínda que era máis coñecido polo Campo do Balsiño, polo lugar no que se atopaba.
A razón de bautizar este terreo de xogo co nome do noso poeta déunola Xosé María Lema na súa Historia do C. D. Baio: súa nai, Lucinda Varela, era propietaria da finca na que se construíu, e cedeuno gratuitamente ao club desde o ano 1957 (sete anos antes de estar federado), e ela tan só aceptaba que as directivas do club pagasen unha misa anual pola memoria do seu fillo Teodoro.
Hoxe, setenta e cinco anos despois da súa morte, a figura de Morgade aínda continúa no esquecemento dentro da historia da literatura galega, aínda que a súa presenza na antoloxía dos poetas da Costa da Morte publicada o ano pasado (De Pondal ao Batallón Literario) fixo que fose descuberto por moita xente, o que provocou abondosos eloxios do que ben puido ser unha das figuras da nosa literatura.