Ao artista de Lobios gustaríalle crear próximamente «O bosque máxico dos oestrimnios» na Baixa Limia
08 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.O Centro Comarcal de Bergantiños acolle, ata finais de mes, unha colección de 16 esculturas que transforma tribos ancestrais en druídas, fadas, meigas ou trasnos para recrear as Terras de Oestrimnia, nome co que se titula a exposición. O seu autor, Toño Monteiro (Ganceiros, Lobios, Ourense, 1960), técnico en augas, balnearios, fontes «e todo o que teña que ver con ese mundo», deixou un día a súa empresa para adicarse á escultura, paixón que, xunto coa imaxinación, brota das súas mans para crear vida... como fai a auga con todo o que rodea.
-¿Quen eran os oestrimnios?
-Ao parecer, estas tribos viñeron da estepa rusa e fóronse desprazando polo occidente ata Galicia. Cando chegaron os celtas, cos que conviviron, este pobo xa levaba aquí miles de anos. Logo, os romanos, aos que vían como extraterrestres polo ben preparados que estaban e a cultura que tiñan, extermináronos. Cartógrafos e historiadores como Ptolomeo, Estrabón ou Plinio xa falaban deles.
-¿E que lle inspirou a tratar un tema tan descoñecido?
-O meu amigo e mestre Xaime Quessada sempre me falaba deses seres. El inculcoume a dinámica e a enerxía para crear o soño desta obra.
-¿Que quere transmitir?
-Espertar a curiosidade da xente, que a vexan e busquen na Internet quen eran estas tribos, como vivían, que facían... E se ás esculturas lles engades unha lenda, unha simboloxía, a atracción é aínda maior.
-¿Cales son os seus proxectos de futuro?
-Un día gustaríame crear, na Baixa Limia, O bosque máxico dos oestrimnios, unha especie de labirinto feito con tuias e rodeado de carballos, castiñeiros e rocha autóctona na que a xente se deixara perder e se atopara coas esculturas.
-¿Algo parecido a expoñer as obras como fixo Chillida na zona de Allariz?
-Non, eu non contaminaría a paisaxe con tanto colorido. Busco o contrario, mesturar a obra co entorno.
-¿Como comezou no mundo da escultura?
-Hai catro ou cinco anos que me puxen en serio. Foi Xaime o que me abriu os ollos e fíxome ver a importancia da imaxinación para poder compoñer. Entendín que a escultura é como un ritmo, unha música que tes que sentir, coa que tes que emocionarte. Conxeniamos ben e comecei axudándolle no seu estudo.
-¿Que ten a escultura que non teñan outras artes?
-A tridimensionalidade, que é completa. Ademais, os materiais lévante polo seu camiño. A obra cambia case o cincuenta por cento desde que a comezas ata que a rematas.
-¿Con qué material se quedaría?
-Dunha mesma obra feita con distintos materiais, para min a máis bonita é a de madeira. É máis cálida e nobre. Dálle outro acercamento.