Futbolistas e pilotos

José Manuel Canedo Aguiar

CARBALLO

08 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Cando eramos rapaces, os nenos da Casilla xogabamos ao fútbol no campo da Sota. Alí xogabamos sempre e cando tivésemos un balón, pero se non dabámoslle patadas a unha caixa de cartón. Lémbrome dun día que metín unha pedra grande dentro dunha das caixas. Non sei se a metín para facer unha falcatruada ou para que o aire non a levara de alí. O que si sei é que ao día seguinte, cando xa non me lembraba da pedra, pegueille un patadón que endexamais esquecín. Aínda hoxe, se o penso, dóeme o pé.

Moitas veces, por non ir ata o campo da Sota, xogabamos na estrada. Cando pasaba un coche apartabamonos, e cando acababa de pasar votabamos a xogar. E cando pasaba o señor Maiqués, aproveitabamos para facer o descanso e comer o bocadillo, ¡tal era a velocidade á que andaba! Podíavolo confirmar Manuel O Chorón , que sempre que pasaba por diante do taller do señor Maiqués, este dicíalle: «¿Para onde vai señor Manuel?» «Vou para Coristanco», respondíalle. «¿Quere que o leve eu co coche?», engadía Maiqués. «Non, grazas, que teño présa», concluía Manuel.

Maiqués tiña un taller mecánico na Casilla e tiña un un Escarabajo da Wolksvagen, matrícula de Gran Canaria, creo recordar que era un sete mil e pico. Non era da Casilla, pero era como se o fose. Era un home moi querido e sempre estaba a facer favores.

Tamén xogabamos ás carreiras polas costas do circuíto de motocrós do Campo da Feira. Facíamos un manillar de madeira con unha chapa redonda, tamén de madeira, onde poñiamos o número do noso piloto favorito. Había moitos: Pedro Pi, Jesús Sáez, Vilanova, Millán... Estes últimos eran pilotos locais. Loxicamente o ruído do motor facíanolo coa boca. Outras veces facíamos carreiras co aro de ferro.

Estas dúas fotografías, dos anos sesenta, estaban gardadas no fallado do meu cerebro. Lembroumas o goberno do noso Concello, pois está a facer que os pequenos volvan a xogar na rúa, máis ben na beirarrúa. Están facendo unhas inmensas beirarrúas, onde se pode xogar ao fútbol, á pillada, ao brilé... E incluso, en algunha delas, pódese xogar a patinar sen patíns cando chove.

E para nós, os grandes, para que nos lembremos da sensación de subir e de baixar costas, o Concello de Carballo está a facer costas por diversas rúas do pobo, as mais grandes están na rúa Luis Calvo ata o Haley.