«Moita información que había sobre a artesanía xa se perdeu»

CARBALLO

Aínda que naceu en Estremadura e chegou a Fisterra por casualidade, está moi interesada no estudo das súas tradicións

25 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Soledad Méndez chegou a Fisterra fai sete anos para limpar o chapapote do Prestige . «Vin de voluntaria, e aquí quedei», resume. Exprésase perfectamente en galego, aínda que naceu e pasou a maior parte da súa vida en Cáceres. Quizais os xenes maternos -súa nai e súa avoa eran galegas- tiveron moito que ver coa súa facilidade para afacerse ao idioma e á zona. Tanto é así que os seus dous fillos xa son fisterráns. Pero, máis aló da súa experiencia persoal, Soledad Méndez tamén é unha artesá preocupada pola supervivencia dunha profesión en clara decadencia. Onte impartiu un curso de cestería no instituto Fin do Camiño, un xesto que pode contribuír a evitar a desaparición dun oficio ancestral.

-¿Como responderon os rapaces?

-A verdade é que responderon moi ben. Fixemos o primeiro cesto que se fai para iniciación, que o poden facer tanto rapaces pequenos como adultos. A medida que ían avanzando e ían vendo como ía medrando, que de verdade de alí saía un cesto, xa se animaron. Estivémolos pintando, e algúns que quedaron sen rematar posiblemente acabarémolos o venres. Pretendía que valorasen que a cestería é un oficio moi antigo, que está en vías de extinción, porque agora a industria moderna xa o fai todo. -¿Como empezou vostede no mundo da artesanía? -Eu xa era artesá en Estremadura, sobre todo de reciclado de vidro, de latas... Sobre todo de material de refugallo. Alí tamén fun monitora. Tiñamos unha sociedade e faciamos talleres cos nenos, tanto de material de refugallo como de iniciación ao coiro, cestería... a artesanías máis coñecidas. Cando cheguei aquí fixen un curso de vimbio en Cee, porque é algo que me interesaba coñecer máis, e agora estou valorando a posibilidade de ver que cestos se facían na zona de Fisterra. -¿Hai moitas diferenzas entre unhas zonas e outras? -Eu son do interior. Alí os cestos tiñan uns usos e aquí teñen outros. Gustaríame afondar un pouco máis niso, e estou facendo un estudo da artesanía aquí na comarca de Fisterra. -¿E como vai? -Vai lento. Moita información que había sobre a artesanía xa se perdeu, e moita xente que sabía xa morreu. É moi difícil encontrar un fío do que tirar. -¿Poden axudar os obradoiros con rapaces? -A miña idea é facer un taller para volver a facer as nasas que se usaban antes para o polbo, que eran de vimbio, para que vexan que a artesanía é algo que se pode utilizar para moitas cousas, non só para adornar na casa.