Un brinde de agradecemento para Andrés Pazos

Manuel Suárez Suárez

CARBALLO

19 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Don Dombate está na súa biblioteca pétrea cun exemplar de Otero Pedrayo na man. Trátase do volume onde se recollen dúas obras da súa dramaturxia: A Lagarada e o Desengano do prioiro. Sempre foi moi devoto de don Ramón porque na creación dramática foi un innovador e mesmo tamén un vangardista.

A obra que lle interesa é A Lagarada, editada na Coruña en xaneiro de 1929. Quere homenaxear ao grande actor recén falecido Andrés Pazos Pérez, que foi quen o deixou abraiado e compracido coa súa interpretación do Señor Vences de Alén. Aínda lembra a boa e modulada voz de Andrés cando, metido na pel do vello patrucio ourensán, dicía: «¡Todo o fixen eu! Niste sitio soilo había catro muradellas esmorenadas que dicían os vellos que foron noutro tempo a casa dos meus pais! As silveiras medraban tan vizosas que tiven que pórlles lume cando teimei erguer a casa».

A sorpresa de don Dombate foi cando le na prensa que Pazos acaba de retornar das terras montevideás ás que chegara sendo un neno emigrante.

Quen diría que no outro lado do mar foi un personaxe de Aristófanes e outro de Chejov enriba das táboas de El Galpón.

Quizais agora o emigrante Andrés estea pechando a longa viaxe dunha singradura que comezou e rematou no Concello de Ames.

Non hai que ser adiviño para afirmar que sen os anos montevideanos non sería actor e as nosas vidas quedarían sen a emoción da súa honrada e talentosa traxectoria nos escenarios.

Aínda que sempre foi home de teatro, nos últimos anos púxose diante da cámara para deixarnos un fermoso agasallo chamado Whisky. Neste premiado filme uruguaio -que recomendo aos que non o coñecen- teremos sempre unha relucente xoia do traballo artístico de Andrés.