«O noso horizonte pasa polo porto exterior, o porto de Brens e o tren»

CARBALLO

O tamén concelleiro carballés asegura que, máis alá da súa participación nas comisións sectoriais parlamentarias, está a defensa dos intereses da Costa da Morte

22 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Alberto Sueiro Pastoriza (Carballo, 1962) é o único deputado do Partido Popular pola Costa da Morte no novo Parlamento de Galicia. É, ademais, un dos máis veteranos da provincia da Coruña. De feito, xa formou parte da Cámara durante a última etapa do goberno de Manuel Fraga e agora, despois de catro anos na oposición, volve a ter responsabilidades, en concreto como presidente da comisión de Industria e como vicepresidente da de Economía. Pero, sobre todo, destaca que ten a obriga de defender os intereses do territorio ao que representa.

-Acaba de desembarcar e xa recibiu unha petición de Terra Galega sobre a circunvalación de Carballo.

-Este é o traballo que temos: atender á xente e as peticións dos veciños e dos cidadáns. Para iso estamos. -Á parte de desenvolver o traballo que xa ten asignado no Parlamento como presidente da comisión de Industria. -E tamén como vicepresidente da de Economía, na que, dadas as circunstancias, xa que a presidencia sempre se cede á oposición, o representante da maioría son eu. E moi contento, porque son as dúas comisións nas que sempre traballei nos últimos anos, e se nalgún sitio podo ter unha mínima utilidade é nas áreas onde estiven traballando todos estes anos. -De mesturar a presidencia da comisión de Industria co servizo aos cidadáns resulta o reto de solucionar o acceso ao solo industrial. -Primeiro haberá que esperar a saber de qué consellería van depender os polígonos, pero, en calquera caso, o que si é certo é que, máis alá das comisións sectoriais, o que nos toca como representantes dos concellos é solucionar os problemas propios de cada zona. Polo tanto, os polígonos industriais, tamén. Ademais, temos a promesa electoral e intentar traballar para rebaixar o prezo do solo neles, e iso é unha obriga. Pero quizais o máis importante desa comisión sectorial de Industria sexa o concurso eólico. -Que é un dos moitos temas que están abertos .

-Polo menos durante a primeira parte desta lexislatura, o concurso eólico vai ser un dos asuntos importantes que si lle toca á comisión de Industria. Pero esperemos que entre a consellería, que ao final son os verdadeiros responsables, e o Parlamento lle poidamos dar a solución máis satisfactoria para todos. -¿Cales van ser as súas prioridades como representante da comarca no Parlamento? -Nese sentido temos que insistir moito en acurtar os prazos das infraestruturas pendentes, como poden ser a autovía da Costa da Morte ou a circunvalación de Carballo, e insistir en que hai que buscar fórmulas para flexibilizar a peaxe, porque é unha promesa do presidente Feijoo e temos que buscarlle a maneira de que iso se poida cumprir. En materia de sanidade hai que completar a rede de centros de saúde, que está incompleta dende fai moitos anos e con moitísimos problemas. En educación, resolver os problemas que, principalmente, hai en Carballo, pero que se estenden a toda a comarca, das prazas para todos os nenos. E outro gran problema de Bergantiños e a Costa da Morte, por falar dos máis graves, é o transporte público. Hai que intentar sacar adiante o plan especial comarcal de transporte público de viaxeiros, que é unha necesidade imperiosa. E insistirlle ao presidente Feijoo en que non se esqueza de que el foi o que falou do tren, e dalgunha maneira ese é un camiño que si que temos que empezar a percorrer en serio e a falar del. Non digo que vaia ser para agora mesmo, pero é un horizonte ao que xa temos que aspirar. A estas alturas, falar dunha autovía ata Fisterra ou da circunvalación de Carballo xa é pasado. Son débedas que hai que deixar satisfeitas, pero xa é pasado. O noso horizonte pasa polo porto exterior, o porto de Brens e o tren, e ese é o obxectivo que, no prazo que sexa, hai que botar a andar. -Aí está o problema, tamén sen resolver, da comunicación coa Coruña. -Si, pero esa é unha cuestión distinta. Efectivamente, hai que mellorar todo e que haxa, a ser posible, unha nova conexión coa Coruña. Pero, traballando con perspectiva de futuro e empezando a dar pasos na boa dirección, creo que o tren non pode seguir sendo unha especie de ilusión. Hai que empezar a traballar en serio niso, e se nesta lexislatura non pode ser máis que se estude a viabilidade, que se empecen a dar os pasos. Fálase da autovía da Coruña a Fisterra dende fai vinte anos. Ao mellor dentro de dous está. Pois se queremos que o tren estea dentro dunha serie de anos teremos que empezar a falar en serio del.