«Levo un par de meses traballando no colectivo A Casa da Leiteira»

Víctor Fernández

CARBALLO

25 feb 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O fotógrafo larachés Javier Alvedro, 26 anos, leva cerca de tres coa cámara ao lombo captando imaxes moi variopintas. Estudou en Barcelona e alí atopou a súa paixón polas instantáneas. Despois dun mes de exposición de fotos no pub A Reserva de Carballo, as súas sensacións son moi positivas. Agora, ten en mente facer un percorrido pola súa comarca co obxectivo de denunciar o impacto medioambiental á que está sometida. Alvedro di que lle gusta retratar a súa xente, e para iso non dubida en saír á rúa en busca dunha nova aventura.

-¿Que quería expresar na exposición que pasou pola sala A Reserva de Carballo?

-O certo é que nada en especial, trátase de fotografías que non están relacionadas entre si, e por iso a obra non ten un título. Pechei hai pouco unha etapa persoal e o que intentei foi facer un repaso do que fixen durante todos estes anos.

-¿Dedícase exclusivamente á fotografía?

-Non, xa que levo un par de meses traballando nun colectivo que se chama A Casa da Leiteira. A verdade é que é moi variopinto, alí dedicámonos a todo, á música, ao vídeo e tamén ás fotografías.

-¿Cales son os seus próximos proxectos?

-Gustaríame moito facer un percorrido pola miña comarca, co obxectivo de denunciar o impacto ambiental que está a sufrir. A idea é captar as obras de infraestruturas como as do porto exterior, que non respectan nada.

-¿Que marco lle gusta máis para levar a cabo os seu traballo fotográfico?

-A verdade é que en Barcelona teño un bo fondo, pero tamén me gusta retratar á miña xente, captar o momento de dentro, e para iso trato de saír moito ás rúas, aínda que tamén ao rural. Agora atópome nunha etapa moito máis familiar, con fotos máis persoais.