«Das festas de Obama recordo sobre todo o frío e a Aretha Franklin»

Vanessa Lagares

BARBANZA

Este noiés afincado en Atlanta explica como viviu un dos momentos claves da historia mundial: a investidura do primeiro presidente negro de Estados Unidos

30 ago 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O xornalista Luis Bello Juanatey (Santiago, 1971) é un home de verba fácil. De feito, fala sen parar durante o tempo que dura a entrevista. Por unha parte amosa curiosidade por saber o máximo posible sobre Noia, a vila na que xogou de pequeno e na que se iniciou no mundo do xornalismo. E por outra, pon todo o seu empeño en transmitir a mestura de sensacións que recorreron o seu corpo o pasado 20 de xaneiro, cando presenciou, invitado persoalmente pola Casa Branca, o acto de investidura de Barack Obama.

-¿Hai algo que recorde especialmente do acto de investidura de Obama?

-Das festas de Obama recordo sobre todo o frío e a Aretha Franklin sobre o escenario. Tamén que estiven moito tempo falando polo móbil, porque para min era importante dar as grazas e compartir en vivo ese momento con todas as persoas que fixeron posible que eu estivera alí. Esa xente que dunha ou outra forma confiou en min. Polo que vin creo que fun o único europeo que estivo invitado aos actos.

-Agora xa pode dicir aquilo de «eu estiven alí».

-Foi impresionante. Eu ía ir de todos xeitos a Washington porque o que alí ía a suceder era un momento histórico polos cambios que Obama trae na carteira, aínda que non son os que eu quero. O certo é que pasamos da política abusiva e caciquil de Bush a un goberno de diálogo, consenso, integración e ilusión, que é o que máis necesita este mundo.

-¿Cales cre que foron as razóns polas que o presidente dos Estados Unidos o invitou persoalmente á súa toma de posesión?

-Non sei cal foi a razón, pero non creo que fora por estar traballando na CNN -cadea de televisión norteamericana na que era xefe de ventas e marketing para os Estados Unidos- senón máis ben no xornal La Voz Hispana, no que axudei moito á comunidade hispana. Creo que os tiros poden ir por aí, porque o xornal, do que eu fun director en Atlanta, foi un aglutinador das comunidades hispanoamericanas e afroamericanas, que teñen problemas moi similares. E esa publicación recollía moitos dos seus problemas e ofrecía anuncios gratuítos de traballo.

-¿Como viviu o momento no que lle chegou a invitación?

-Nun primeiro momento pensei que era unha tarxeta de propaganda e incluso abrín o sobre de calquera maneira. Pero logo xa vin que non, que viña co selo de ouro da Casa Branca.

-¿Puido falar con Obama durante o acto de celebración da toma de posesión?

-Non. Envieille unha carta para agradecerlle o xesto. Nas celebracións había moita xente, aínda que estabamos todos nos mesmos lugares e en moitos momentos quen quería podía achegarse a el.

-¿Como é agora a súa relación coa Casa Branca?

-Recibo correos todos os días con informacións. A verdade é que agora manteño unha boa relación coa Casa Branca, iso si, despois de dicirlle a Obama que deixara de pedirme cartos. Eu fixen un donativo de cen dólares para a apoiar a súa campaña, como fixeron 85 millóns de persoas, e logo non paraban de pedirme cartos. Con esta actuación o único que estaban conseguindo en campaña electoral era o efecto contrario e que me enfadara. Dende ese momento xa non me pediron máis cartos.