Alumnos ribeirenses e membros de Ambar celebraron o Día da Discapacidade cunha actividade deportiva
05 dic 2007 . Actualizado a las 02:00 h.O Día Internacional da Discapacidade -que se celebrou antonte- acaparou moitas atencións na comarca. Os alumnos do Instituto Número Un de Santa Uxía e unha trintena de membros de Ambar participaron o luns de forma conxunta nunha actividade deportiva a favor da integración e da igualdade de oportunidades entre os membros deste colectivo.
A directora deste centro educativo, Ana Valdés, explicou que non era a primeira vez que os seus alumnos se reunían cos da entidade ribeirense. «O ano pasado participamos con Ambar na xornada de convivencia Deporte para todos, e os rapaces pasárono tan ben que se nos ocorreu facer algo similar para este día e o resultado como sempre foi máis que positivo», explicou.
En torno ao mediodía, os visitantes chegaron ao instituto acompañados da coordinadora de voluntariado, Alicia Romero.
Todos os participantes na actividade reuníronse no salón de actos para ver o documental Sete historias para catro alcaldes, producido por Ambar. «A película conta a historia de sete rapaces con discapacidade que se formaron como auxiliares de conserxería nos catro municipios da comarca de Barbanza», indicou Romero. Ademais dixo: «Eles fixeron prácticas alí e na actualidade, atopámonos loitando por un contrato, por iso o título alude aos mandatarios».
Manifesto
Despois da proxección do vídeo, que os rapaces do Instituto Número Un premiaron cun emotivo aplauso, Almudena Dios Ageitos, de Ambar, leu un manifesto. «Na nosa sociedade, moi poucas persoas con diversidade funcional teñen traballo. De feito o 80% están desempregadas e nunca terán acceso ao mercado laboral», apuntou Ageitos.
Á conclusión da lectura do texto comezou a xornada deportiva tan esperada por todos os participantes. «O que fixeron todos foron xogos cooperativos nos que os mozos das dúas institucións mesturáronse para relacionarse e coñecerse», afirmou Valdés.
A actividade saíu tan ben que de volta ao centro ocupacional de Xarás, ademais de sentir moita ledicia por pasalo ben, os responsables volveron co teléfono de varios alumnos que están fascinados co traballo dos voluntarios da asociación. «Varias rapazas interesáronse para colaborar con nós e iso é moi importante».
En Ambar están encantados co traballo que fai o instituto ribeirense no tocante ao fomento da integración entre o seu alumnado.