Cambados.tk propón aforrar os cartos do Xantar e firmar un convenio de colaboración con Esperanza Salnés

Carolina Laya VILAGARCÍA/LA VOZ.

AROUSA

10 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Óscar Pardo-Planas, creador e administrador de Cambados.tk, avoga por dedicar os 27.000 euros que se supón que se van gastar no Xantar do Albariño a crear un convenio fixo de colaboración con Esperanza Salnés.

Esta asociación cumpre co labor social de atención a nenos con discapacidade. A pesar disto, non conta cun convenio estable, e sobrevive a base das subvencións que vai acadando cada ano ou gracias ao apoio dos pais e nais e dos colaboradores, que respaldan proxectos benéficos como o do calendario de espidos do 2008. «O labor que realiza esta asociación está recoñecida no eido social, pero economicamente non recibe a mesma resposta», di Óscar. Isto podería cambiar se se chegase a firmar un convenio económico estable co que asegurar a supervivencia desta asociación, que se ve continuamente ao borde da quebra e que sen este convenio seguirá tendo un futuro incerto debido á permanente situación de crise que vive.

Cambados.tk fíxose eco da proposta de anular esa comida da Festa do Albariño feita fai uns días polo BNG de Cambados. Ao coñecer a cantidade de cartos que se aforrarían ao non levar a cabo a comida ou facendo que esta non fose pagada polo Concello, senón polos propios asistentes, Óscar Pardo fixo a súa propia proposta e, ademais, preguntou aos visitantes da súa web e da páxina que esta ten en Facebook, que é o que farían eles con eses cartos. A resposta foi inmediata, a maioría deles avogaban por eliminar esa comida ou que esta fose pagada polos propios asistentes. Outros optaban por facer unha comida para todo o pobo ou dedicar eses cartos a realizar labores de traballo social.

Á espera de resposta

Dende Cambados.tk non é a primeira vez que se plantexa parar este xantar ou, polo menos, que o Concello non pague tantas invitacións (custan arredor de 50 euros por persoa). Segundo o administrador do web «o único mérito que teñen os convidados é ser membros do Partido Popular».

Queda aínda un tempo para que comecen as festas, pero Pardo-Planas non cre que esta proposta vaia ser oída polo Concello, «gustaríame dicir que si, pero desgraciadamente os precedentes non son bos. Coido que esta é unha festa máis pensada para os que respaldan ao Partido Popular que para todos os cidadáns».

O tema do xantar está a espertar polémica no web, pero tamén se está a abrir un debate en canto aos grupos que van asistir este ano á Festa do Albariño.

Óscar é dos que pensa que «deberíanse presentar alternativas non tan comerciais pero que fosen máis asequibles. Poderíase introducir música galega no albariño, agrupacións que fan música de festa. Os gastos dos grupos que veñen son moi altos e parece que isto da igual. Mentres, vemos que en Cambados estanse a reducir as partidas a escolares e servizos sociais».