Carta aberta ao señor Tabuyo

José Manuel Cores Tourís

AROUSA

30 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Por decretazo. Así é como vostede e o seu partido acordan, cunha total falta de responsabilidade, tomar novamente unha serie de medidas que o único que farán será deteriorar ainda máis a xa precaria economía de millóns de familias españolas.

Co seu voto no Congreso dos Deputados demostrou unha vez máis a falta de lealtade que o caracteriza, apoiando as medidas discriminatorias propostas polo seu xefe Zapatero, que provocarán a baixada do soldo a máis de 47.000 empregados públicos na provincia de Pontevedra.

Co seu voto apoiou tamén a subida lineal do imposto do IVE que vai perxudicar a tódolos españois, e de xeito especial aos parados e as familias máis desfavorecidas; pero o que xa non ten xustificación é que sexa co seu voto co que se van conxelar as pensións de millóns de xubilados e pensionistas, entre os que se atopan máis de tres mil cincocentos veciños de Cambados.

Non se entende, señor Tabuyo como pode vostede caer tan baixo e actuar con tanta falta de respecto e deslealtade aos homes e mulleres do noso Concello, moitos dos cales co seu voto fixeron posible que vostede estea sentado no Congreso. Unha vez máis traizoou a confianza que depositaron na súa persoa e, como sempre, antepón os seus intereses persoais e partidistas aos intereses xerais dos pontevedreses e de xeito especial dos veciños e veciñas da comarca do Salnés e de Cambados.

Este modo de actuar é algo que xa non nos sorprende, porque detrás desa careta de moderado e pseudodialogante agóchase un ser frustrado e cheo de resentimento porque ve como os cambadeses ao longo destes vinte anos, e lexislatura tras lexislatura, o seguen deixando na oposición, lonxe da súa ansiada alcaldía.

Señor Tabuyo, nestes case vinte anos que leva vostede como concelleiro da oposición no Concello e os seis que leva de deputado en Madrid, non conseguíu vostede nin un só euro de inversión para Cambados, pero sí moitos recortes na economía das familias cambadesas. Vostede non só está desaparecido da política municipal senón que con este tipo de actuacións demostra menosprezo cara eses millóns de parados, empregados públicos e privados, pensionistas e xubilados, autónomos, ? que van sufrir nas súas xa débiles economías o despilfarro e a falta de proxecto do señor Zapatero, e de todo o grupo do que vostede forma parte.

O máis triste é que tódolos españois contribuimos a pagarlle un bo soldo a personaxes como vostede, que cunha total ausencia de responsabilidade apoian este tipo de medidas discriminatorias e perxudiciais para tódolos cidadáns que á forza asumen os custes da política despilfarradora do señor Zapatero.

Mentiras

Co seu voto a favor deste decretazo e mailo apoio a outras moitas medidas que resultaron ser igual de ineficaces e gravosas para a economía, demostraron que mentían vostedes cando lles prometían aos españois o pleno emprego, cando dicían que non lles ían baixar os salarios aos empregados públicos, cando dicían que non ían conxelar as pensións e cando presumían en definitiva de que España estaba na Champions League.

Agora, señor Tabuyo, co seu voto segue avalando a política de ZP que ven de perpetrar o maior recorte social da historia democrática do noso país. Gustaríame que vostede, que cobra máis de 4.500 euros ó mes, se puxera, aínda que só fora por unha vez, no lugar dun dos moitos pensionistas, que xa difícilmente chegan a final de mes.