«Somos moitos os pais que facemos que o trasno das letras visite as nosas casas»

Serxio González Souto
Serxio González VILAGARCÍA/LA VOZ.

AROUSA

Onte, por cuarto ano consecutivo, aínda que na Escardia as súas incursións comezaron un pouco antes, os colexios de Vilagarcía recibiron a visita do trasno das letras. Trátase dunha iniciativa única en Galicia que puxo en marcha o colectivo Casaescola, un xeito propio e orixinal de conmemorar activamente o Día das Letras Galegas.

-¿Como foron onte as trasnadas?

-Coido que moi ben. É unha experiencia que está asentando, chegando aos diferentes centros nos que non se facía e sendo acollida con agrado por parte das asociacións de nais e pais que aínda non a coñecían.

-Naceu na Escardia.

-Naceu, dun grupo de pais que pretendiamos facer algo con motivo das Letras. Foi unha proposta de Carlos Blanco, ocorréuselle a el, e decidimos facer esta especie de Reis Magos á galega.

-O trasno, ademais de agasallar libros, fai o que ten que facer. ¿non?

-Claro, como trasno remexe, curiosea pola aula e crea esa expectativa entre os pequenos de que sucederá, que pode pasar cando cheguen á súa clase. Xa somos moitos os pais que facemos que o trasno das letras visite tamén as nosas casas cada ano.

-¿Foi complicado facer que este ano chegase a todos os centros?

-Non, non foi complicado. O que si sería aconsellable é que se traballase con máis tempo e que as institucións colaborasen con libros axeitados ás idades dos pequenos lectores.