O retorno do trasno lector

Serxio González Souto
Serxio González VILAGARCÍA/LA VOZ.

AROUSA

Os pequenos dos colexios de Vilagarcía teñen hoxe un agasallo en forma de libro con motivo do Día das Letras

19 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

De entre os moitos acontecementos que inzan o país de celebracións con motivo do Día das Letras Galegas, hai un que é exclusivo de Vilagarcía: a visita do trasno das letras, un rebuldeiro ser que cada ano consigue acceder ao interior dos colexios do municipio e, aproveitando a xornada festiva, enche as aulas de pequenos agasallos en forma de libros. Deste xeito, hoxe, por cuarto ano consecutivo, os pícaros vilagarciáns recibirán unha auténtica sorpresa ao regresar a clase logo da ponte.

Foi o colectivo Casaescola, nacido no colexio da Escardia, o que puxo en marcha unha iniciativa que co paso do tempo foise espallando por todos os centros de educación Infantil e Primaria da capital arousá. O noso trasno percórreos un por un, sabedor de que nas escolas lese en galego. Os membros de Casaescola, coñecedores das inquedas incursións do trasno lector, foron correndo a voz entre todas as asociacións de pais e nais de alumnos para que puidesen, tamén, conxurar e gozar a súa presenza.

A colaboración da concellería de Educación, dirixida por Susana Camiño, resulta fundamental para que o perello sexa quen de introducirse nas escolas. O costume máis estendido entre estes pequenos seres é gañar o interior de edificacións e vivendas a través de lareiras e chemineas. Mais as prácticas construtivas modernas eluden este tipo de estruturas, así que o trasno das letras ten que darlle o maxín para poder facer o seu labor, aproveitando calquera recuncho para colarse. Sendo isto así, corre sempre o perigo de saltaren as alarmas do centro en cuestión. Non é así, grazas ao departamento municipal de Educación, que fai a vista gorda e permite o seu paso sen lle pór atrancos.

Tamén botan unha man a editorial Kalandraka, berce de espléndida literatura infantil na nosa lingua, a Consellería de Cultura e a Deputación Provincial de Pontevedra.

O evento, único en Galicia, foi gañando corpo grazas á complicidade dos mestres, pais e nais dos alumnos, e este ano, por vez primeira, é quen de chegar a todos os centros de Vilagarcía para ledicia dos máis pequenos. É posible coñecer un pouco máis das aventuras deste trasno consultando o blog de Casaescola no enderezo www.blogoteca.com/casaescola/index.php.

Quen se atreva aprenderá, así, que os trasnos son trastes e inquedos. Que actúan á noite, momento que prefiren para entrar nas casas da xente que dorme para bater nos pratos e escachar cousas. Como teñen a man esquerda furada e só saben contar ata dez, é doado entretelos cunha sinxela cunca de grans. Élles irresistible.