A escola da vida

Carmen Durán Martínez

AROUSA

08 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O largo do tempo, en todo o tempo histórico, en toda a xeografía mundial, nos distintos lugares onde asentan homes e mulleres, onde viven e conviven persoas, danse, suceden, feitos semellantes aos que lle dan respostas parecidas, dependendo dos costumes, desexos, necesidades, posibilidades e situacións propias do momento e da época socio-política-cultural que corresponda. Así as pirámides en Exipto e en México -sen Internet-, as vivendas dos Uros, no lago Titicaca (Perú) e as pallozas do Cebreiro (Lugo).

No día a día, na búsqueda de solucións tamén, sempre e o largo do tempo tiveron un papel importante e decisivo as mulleres. Mulleres do día a día, mulleres descoñecidas, anónimas, mulleres silenciadas e ás veces olvidadas. É a elas e para elas, de quen somos herdeiras e deudoras, o total agradecemento. Para estas mulleres sabias de aquí, que temos tan próximas e que tanto nos aportaron e aportan, o noso recoñecemento e cariño, o meu cariño.

«Meus pais eran moi pobres, non tiñan cartos nin bens... Meu pai ía ao mar e miña nai ía con el para limparlle as ameixas que collía; eu quedaba na casa coidando dos meus irmáns, son a segunda de cinco fillos». Así empezou a contar as súas vivencias Dorinda. «Eu fun á escola dos 6 aos 9 anos. O primeiro libro no que lin foi o silabario, logo o manuscrito, e cando acababa de ler, cruzaba os brazos porque a profesora tiña que atender ás maiores. Había unha soa escola para mulleres e outra para homes. A min gustábame moito ir á escola e aprender, ían máis meus irmáns á escola porque eran homes». «¿Como?», pregunteille. «Si, ían a escola máis os homes, as rapazas tíñamos que quedar para coidar aos máis pequenos e facer os traballos da casa. Os homes tiñan que aprender, ¡porque tiñan que ir á mili!

Dorinda Parracho Oubiña é unha desas mulleres admirables. Naceu (1932) e criouse en Corbillón (Cambados), ten 77 anos e como ela mesma di: «¡Quen me dera que me tocaran a min estes tempos nos que todo mundo pode estudar! Eu quixen e non puiden. Dorinda aprendeu a coser. No 1954, con 21 anos, cásase cun veciño, e vai vivir á casa de Ramiro, o seu home, que vivía cunha tía. Eran caseiros de arrendo. Pola casa non pagaban nada. Tiñan co dono un trato de traballo. Ramiro ía ao xornal pola comida e cinco pesetas ao día. Dorinda cosía para fóra. No ano 1965, xa con cinco fillos e pensando na posibilidade de comprar a propiedade onde vivían, Ramiro marcha para Alemaña e poñen luz eléctrica na casa. Dorinda queda cos fillos e traballa tamén as fincas coa finalidade de aforrar todo o que o home lle mandaba e así comprar a casa e que os seus fillos poideran estudar. Esa era a súa maior preocupación e ilusión. Os fillos preparados, que estudaran. Daquela, cando se empezaba aos 6 anos, Dorinda xa os mandaba á escola de pago desde os 3 e 4 anos e lles pagaba clases particulares que lle costaban 300 pesetas ao mes.

A emigración

Dous anos máis tarde deixa aos fillos maiores internos nun colexio, outro no colexio de cegos, e vaise para Alemaña co home. Ponse a traballar a dobre turno e tamén nas vacacións, porque lles pagaban o dobre. Agora é Ramiro quen coida dos fillos cando nas vacacións van a Alemaña.

Do tempo da emigración ten un bo recordo, por ter un traballo que lle dou a posibilidade de sacar adiante mellor os seus fillos, por como estaba alí a vida organizada e a riqueza que representou para todos coñecer outro idioma, outra cultura. Ten moitos e bos recordos e amigos que aínda a visitan tanto de alí como de aquí.

Dorinda é unha muller entusiasta. Recorda e conta e conta... Cando se lle pregunta como se divertían, di que, sobre todo, vendo ben aos nenos, e coas festas de San Benito, en Cambados. «Menos mal que hai dous días ao ano, que era cando estrenábamos a vestimenta, e tíñamos radio... Os fillos, todos teñen o bachiller, dúas licenciadas, e os outros fóronse situando como mellor lles pareceu».

De novo en Corbillón, participou nas actividades e na directiva da asociación de veciños e da casa da cultura, organizou saídas ao Parlamento, viaxes, cursos... Agora, viúva dende hai oito anos, aínda que podía vivir cos fillos, quixo estar na súa casa e en Corbillón, aínda que bota en falta máis movemento social e solidario, lugares comúns e de encontro para facer actividades prácticas e na axuda dos demais. Ten amigas, cose e fai bolillos. Segue a actualidade polos medios de comunicación, e a través dos fillos está ao día do que sucede e preocúpalle que non se aproveite «todo o ben que temos», sobre todo a xuventude. Ela compara e pide un pouco de reflexión, que se lle diga aos rapaces o que hai e ata onde se pode chegar, falar cos fillos moito e ser firmes no que se indica, que saiban de onde proceden e que non sempre foi así, que hai xente que ten necesidades.

O amor aos netos

Cando se lle pregunta que lle diría aos fillos de hoxe en día, move a cabeza e responde: «Que non nos olviden. E os netos, ¡como nos gusta velos! Saber deles, que nos conten, dos seus amigos, do que fan, compartir tempo, vivencias, e axudalos? ¡Canto se lles quere aos netos! Os meus fillos veñen por aquí, chaman todos os días, polo menos catro veces, e como teñen ese costume, agardo que chegue a hora con ilusión. Os seus fillos tamén se poñen ao teléfono, e así sei deles e manteño máis e mellor relación. Querer, quéroos a todos por igual. Unha nai sempre pode e sempre ten».

A escola da vida. Gracias, Dorinda.