«Baixo a apariencia da broma e con moita retranca intentamos amosar as verdades máis grandes»

A MARIÑA

21 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Francisco Piñeiro é mestre de Ciencias e Matemáticas en Cervo, pero leva uns trinta anos combinando o seu traballo coa súa grande paixón: o teatro. Comezou en Barcelona e, agora, afincado na Mariña, escribe textos dramáticos, poesía e prosa. Hai once anos que dirixe O Bordelo, e leva máis de seiscentas representacións en Galicia e Asturias da man desta compañía e tamén de A Adala, Agrupación Teatral Francisco Piñeiro e Ardora.

-¿Que significa para a súa compañía a obtención do primeiro premio do «Ciclo Domingos a Escena»?

-Foi unha sorpresa para nós gañar un premio nun certame no que participaron 27 compañías, algunhas delas poñendo en escena pezas de autores da altura de Shakespeare, Woody Allen ou Mihura, mentres a nosa peza fora escrita por min. Pero hai que lembrar que foi mediante un sistema de votación popular, e xa no día da representación sentimos que a peza tivera moi boa acollida entre o público, polo que sabiamos que iamos ter boa valoración. Este premio significa para nós o recoñecemento de once anos de traballo e querémolo compartir con todos os que nos apoiaron e creron en nós e darlles as grazas por iso.

-¿Cantas pezas representou con este grupo?

-Esta compañía leva funcionando once anos, e cada ano representamos unha peza distinta, todas elas creacións miñas. En total, teño escritos uns corenta traballos.

-¿Con que tipo de obra se atopa o público que vai ver «R.I.P. Marandaina?

-É unha comedia, para todos os públicos. Nós facemos teatro popular, sobre temas de actualidade. R.I.P. Marandaina non fala de ningunha morte, son as siglas de «respecto, igualdade e paz», e fala dos abandonos das comarcas interiores, da loita contra a violencia machista... Son temas que conectan co público.

-¿Onde atopa a inspiración para as súas creacións?

-A miña fonte de inspiración vén da observación da sociedade tinguíndoa de retranca, contando as cousas do día a día. Se eu fose Castelao non me faría falta escribir, pero non sei debuxar coma el. Parto da premisa de que baixo a aparencia da broma e con moita retranca pódense amosar as verdades máis grandes.

-¿Ten futuro o teatro afeccionado?

-Os premios fanme reflexionar, porque o hándicap do teatro é que non hai público, e nós chegamos a reunir nun lugar pequeno coma Cervo unhas cincocentas persoas. Polo tanto, na miña opinión, o que falta é a conexión co público. Hai que buscar o que lle gusta á xente, e neste sentido creo que o teatro na Mariña evolucionou moito.