«Empecei de carpinteiro co meu pai sen cumplir os quince anos»

i. E.

A MARIÑA

O fundador de Muebles Hermida é o prototipo de empresario feito a si mesmo; fixo daquela carpintería con 4 ou 6 obreiros unha empresa que da traballo directo a 300

02 ago 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A corporación de Lourenzá ven de acordar por unanimidade iniciar os trámites para nomear fillo predilecto a Ángel Hermida pai (e avó, matiza o interesado), empresario que impulsou unha das empresas do moble máis importantes de España e sen dúbida a máis forte do municipio. El acólleo con agradecemento, matizando que non está seguro de ter méritos suficientes para recibir tal distinción; en calquera caso, afirma que sería un mérito compartido polo equipo humano que hai detrás: «Algúns deles de moitos anos; hai xente que empezou comigo e se xubilou comigo», indica.

O de xubilado é un dicir, porque pese a levar retirado dende hai once anos aínda sigue poñendo o espertador ás sete e cuarto da mañá para acudir cada día á fábrica _na foto o ben diante diante do seu rincón preferido_ onde traballa boa parte da familia: os seus tres fillos e o xenro, que aseguran o relevo xeracional dunha empresa punteira. Dende fóra ver a unha familia involucrada nun proxecto así considérase como un éxito, pero Hermida avó matiza que: «Ir todos no mesmo barco é bo si o barco vai ben, pero si un día vai a pique, imos todos». No seu caso, a navegación que emprendeu antes de cumprir os quince anos naquela carpintería do seu pai levouno por unha rota axeitada: «Empecei con el por familiaridade, por contacto, polas vivencias e porque non era fácil elixir outra alternativa naquela época difícil», afirma. Naquel taller no que el empezou sendo carpinteiro eran catro ou seis persoas e na empresa que é hoxe Muebles Hermida traballan 230 obreiros, máis 40 representantes e uns 20 condutores de camións; en total, son preto de 300 persoas as que están dedicadas ó cen por cen á empresa.

A enfermidade e a idade do seu pai obrigouno a poñerse ao fronte moi cedo e aló por 1954 decidiu que había que deixar de «facerlle o armario á señora María» e dedicarse a fabricar para o comercio. Recorda como si fora onte que a primeira comisión que pagou pola venta de mobles para A Coruña foi de 63 pesetas: «Aquel señor foi representante noso ata que se xubilou e logo foron os fillos e agora os netos», dice, matizando que hoxendía as comisións suman bastante máis: ata 25 millóns de pesetas.

O que se mantén é a relación estreita co persoal. Hermida avó pensa mesmo que o feito de que os fillos estean na empresa non se debe só a que o leven ben, lles guste, o entendan e viran o que viron na casa, senón a que foron amigos da xente que traballaba nela.