La Voz de Galicia

Aves de paso difíciles de estudar

Lugo

Francisco Albo

Os grupos ornitolóxicos galegos aínda non contan con medios suficientes para observar as correntes migratorias nas áreas estratéxicas de Lugo e Ourense

14 Mar 2009. Actualizado a las 02:00 h.

Os grupos de investigación ornitolóxica que se dedican ao anelamento de aves en Galicia estudan a posibilidade de realizar este ano unha nova campaña na comarca de Lemos, onde nos últimos anos desenvolveron varias operacións deste tipo. A intención destas asociacións é intensificar as observacións das grandes rutas migratorias nas provincias de Lugo e Ourense, pero esta idea é actualmente moi difícil de levar a cabo, segundo explican, debido á falta de persoal para realizar de forma continuada este traballo.

«Gustaríanos moito facer un seguimento periódico das poboacións de aves en territorio lucense e ourensán, que son as zonas que temos menos estudadas en Galicia», comenta Franciso Rosende, do grupo de anelamento coruñés Hércules. «O problema que temos é que as nosas asociacións están radicadas nas provincias da Coruña e de Pontevedra e non contamos con xente que resida no interior e que estea disposta a facer este labor nos seus días libres, como facemos nós habitualmente», engade.

Xornadas de anelamento como as que os grupos Hércules, Píllara, Torquilla e Anduriña desenvolveron no municipio de Bóveda no 2004 e no 2007, continúa Rosende, «poden proporcionar datos ocasionais, pero non poden reflectir as flutuacións que experimentan ao longo do ano as poboacións de aves neses territorios. Para coñecer ben a situación da avifauna dunha zona determinada hai que estar facendo observacións continuadas durante oito ou dez anos», agrega.

O ideal, segundo os investigadores, sería realizar anelamentos na comarca de Lemos e noutras zonas estratéxicas do interior todas as semanas durante períodos prolongados. «Iso é o que estamos facendo agora na zona de Ponteceso», apunta Rosende. Un obxectivo máis modesto consistiría en facer observacións durante ao menos un par de semanas en primavera -cando as aves migran para o norte desde o sur da Península e desde África- e entre os meses de agosto e setembro, cando viaxan en sentido contrario. Pero isto tampouco parece factible por agora. Segundo explica Rosende, «facer capturas e anelamentos é un labor sacrificado que require levantarse moi de madrugada, pasar moitas horas no campo, aturar o frío... Non é nada fácil encontrar xente que queira facer un traballo como este de forma desinteresada. Ademais, para obter o permiso oficial hai que ter moita experiencia e superar unhas probas bastante complicadas», apostila.


Comentar