La Voz de Galicia

Vilar, no corazón de Soneira

Carballo

EVARISTO DOMÍNGUEZ RIAL ZAS

A parroquia de San Pedro formou parte dun camiño real que comunicaba Santiago de Compostela co lugar de Castromil A parroquia de San Pedro de Vilar ocupa a parte oeste do Concello de Zas. Linda coas parroquias de Lamas, Zas e Loroño. É eminentemente chá, xa que non ten ningunha elevación que supere os 250 metros, a pesar de que desde Baizana, en Loroño, érguese unha case insignificante elevación montañosa que se dirixe de sur a norte entre as aldeas de Artón e as demais da parroquia. O resto queda por debaixo dos douscentos metros, e a maioría do seu territorio está ocupado polo val do Río Vilar, formado pola confluencia, preto de Sandrexo, dos regatos de Rego da Fonte do Lobo, o Torrente e o río de Xora, que se xunta cos anteriores no extremo sur da parroquia despois de ter drenado as de Serrano, e Treos, todas elas no veciño municipio de Vimianzo.

15 Jul 2000. Actualizado a las 07:00 h.

A partir de Sandrexo e xa conformado o río do Vilar discorre moi repousado pasando polos lugares de Vilar, Saconde, e Quintáns para internarse na parroquia de Bamiro. O seu clima podería dicirse que é oceánico hiperhúmido e dada a proximidade á parroquia de Lamas, coidamos que non diferirá moito daquela cunhas precipitacións medias de 1.397 mm.; con seis meses ó ano nos que chove moito máis de 100 litros e 104 días de chuvia ó ano. A temperatura media anual sería duns 13 grados centígrados, con menos de 2000 horas de sol anuais e unha humidade media relativa entre o 70 e o 80%. Poboación A súa extensión anda polos 6,7 quilómetros cadrados e sobre el aséntanse as localidades de Artón, Pazos, Quintáns, Sandrexo, Saconde e Vilar, que xuntas sumaron ó longo da historia o seguinte número de habitantes: 16 (1607), 228 (1753), 54 (1769), 229 (1836), 249 (1845), 373 (1928), 407 (1965), 328 (1996) e 390, 373, 392, 344, 464, 454, 481, 536, 391 e 352, para cada unha das décadas do presente século. Isto virá a darlle unha densidade de case 67 habitantes por quilómetro cadrado en 1996. O topónimo de Artón fai referencia a un val máis ben chan, Pazos procede do latín palatium e puido se-la orixe dunha mansión señorial máis ou menos suntuosa. Sandrexo pode referirse a unha posible capela adicada a Santo André que puido ter existido alí. Dicir que a aldea de Pazos está compartida coa parroquia de Trines e Sandrexo coa de Treos, do veciño Concello de Vimianzo. A maior parte da parroquia está dedicada a espacio agrario, pero nos montes que a separan de Zas e Lama a vexetación é a propia dos montes da zona: piñeiros, eucaliptos, toxos, fentos e, na beira dos ríos, as plantas ripícolas. O espacio agrícola de Vilar está encadrado nun magnífico exemplo de agra que tería unha forma de masa lonxitudinal, que comenzando en Treos segue por Tines, Bamiro (Vimianzo), Vilar e Baio para rematar en Borneiro (Cabana) cunha superficie de 1135 hectáreas, 10 quilómetros de longo e entre un e dous de ancho. A parroquia xa tiña concentración parcelaria en 1967, unha das primeiras do concello. En 1993 había oito licencias fiscais para un total municipal de 391, entre as que destacaba unha cooperativa agrícola. Na Carta Geométrica de Galicia (1845) figura un camiño real de comunicación con Santiago que desde Vilar de Céltigos (Santa Comba) viraba cara o norte polo val do río Meanos en dirección a Follente, desde alí pasaba por Zas, a ponte de Vilar, Tines e Castromil. En 1852 tiña mestre.


Comentar