Estes días celébrase a Semana Europea da Mobilidade (SEM) que busca sensibilizar a cidadáns e autoridades da conveniencia de camiñar cara a unha mobilidade sustentable. A necesidade de desprazamento das persoas e a conversión do automóbil e da moto dende o seu papel de ferramenta ao de obxecto de consumo suxeito a modas agrava aínda máis o problema. A poboación galega vive en contornas urbanas onde o tráfico é o principal responsable de elevadas concentracións de gases e da contaminación acústica.
A Comisión Europea estableceu como obxectivo a progresiva substitución da utilización dos vehículos privados motorizados por outros máis respectuosos co medio ambiente e o medio social. É por isto que dende A Golpe de Pedal e Verdegaia convocamos unha manifestación ciclista (bicifestación) para o vindeiro domingo 25 de setembro, con saída ás 11:00 dende o parque de Castrelos.
Esta manifestación faise necesaria pola apatía demostrada polas autoridades municipais en relación á bicicleta. O pouco que se ten feito enfoca a bicicleta como instrumento de ocio e non como medio de transporte. Pedimos que o Concello tome exemplo doutras cidades que xa integraron a bici nos programas de mobilidade urbana. A bicicleta será unha alternativa real de mobilidade cando as autoridades decidan promovela, por iso solicitamos campañas de sensibilización da cidadanía sobre os beneficios derivados da súa utilización.
As persoas que opten pola bici para desprazarse deben facelo con garantías de seguridade polo que urxe unha pacificación do tráfico mediante a progresiva redución da velocidade máxima en todo o casco urbano e un maior control do cumprimento das normas de circulación.