A Fundación contra a Impunidade apoia as investigacións arxentinas dos presuntos crimes franquistas

La Voz VIGO/LA VOZ.

VIGO

A Fundación Galega Contra a Impunidade, integrada por máis de 80 persoas (entre elas Manuel Rivas, Manuel Beiras, Méndez Ferrín, Antón Patiño, Pepe Cáccamo, Fernán-Vello, Manuel Bragado, Pepe Carreiro, Anxo Angueira, Cándido Pazó, Neira Vilas, Darío Álvarez Gándara, César Portela, Paco Sampedro, Rexina Vega, Vitor Vaqueiro e Carlos Slepoy) ratificou a súa determinación de seguir apoiando con todos os seus medios técnicos e humanos a querela admitida pola Cámara Federal de Bos Aires para investigar e xulgar os crimes dos franquistas, fundamentalmente no que concerne a ós crimes de lesa humanidade cometidos en Galicia.

Presidiu o acto Isaac Díaz Pardo, quen vai outorgar poder notarial á Fundación para que denuncie o asesinato do seu pai cometido polos franquistas. Díaz Pardo afirmou sentirse «moi agradecido porque xente máis nova, que non viviu tan de cerca o franquismo, estea a promover esta busca de xustiza, tan necesaria». Aprobouse por unanimidade que a presidenta da FCI sexa Mariví Villaverde, filla do deputado Elpidio Villaverde.