«Decidín que este fose o meu derradeiro poemario»

Jorge Lamas Dono
Jorge Lamas VIGO/LA VOZ.

VIGO

Edicións Barbantesa publica a obra da escritora viguesa «A voz da auga», onte presentada no museo Verbum de Samil

18 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O Verbum acolleu onte a presentación do poemario A voz da auga (Barbantesa, 2010), de María do Carme Kruckenberg. A veterana escritora comezou este proxecto hai trece anos, pero ata o este ano non o rematou.

-O libro tivo un longo período de creación. ¿Que pasou?

-Comeceino no 1997, estruturado nas catro estacións do ano, como a obra musical de Vivaldi. Daquela escribín as dúas primeiras, pero foi un tempo difícil na miña vida e quedou aí a cousa. Si fixen unha edición para amigos como agasallo de Nadal. O ano pasado, decidín retomalo.

-¿Apreciou diferenzas con respecto a parte do libro feita en 1997?

-Non, hai unha unión perfecta. Foi como se non pasara o tempo, e gustoume.

-Escoitei que quería con este libro que a xente pensase.

-Si, estes son poemas de pensar. Son tan curtos e concisos que as veces non se pode entender ben se non os les dúas veces. Pero emprego un idioma completamente da rúa, non fago estas cousas de coller un dicionario e escoller as palabras máis difíciles.

-¿O feito de incluír a auga no título remite ao transcorrer constante?

-Si, é o cambio constante do ser humano que é a auga. Porque somos un 80% de auga. A auga está moi presente na miña vida, é o discorrer do tempo.

-¿Ao longo da súa vida cambiou o seu sentido literario?

-Idiomaticamente pouco e de sentimentos os xustos. Está o tema do tempo, unha cousa que me preocupa dende que comecei a escribir aos 18 anos. Preocupoume porque non o entendo. Onde se va? Por que se vai? Pero está tamén ese amor que eu non atopei ao cen por cen, está a idea do amor tamén en min dende sempre. Eu separeime con 24 anos, por iso está sempre o amor na miña obra. Que pasa co amor?

-Tempo e amor son a traxedia humana dende os gregos.

-Claro, é a vida. Eu remato o libro con tres liñas que din: «O mellor galano que che pode dar a vida e vivila».

-O editor di que pola súa propia vontade é o seu derradeiro poemario. ¿É certo?

-Si, decidín que fose o meu derradeiro poema. Eu teño un libro rematado dende hai dous anos e chámase O enigma do segredo . Este libro teno Galaxia sen publicar. Eu quería que fose publicado antes deste poemario, pero coñecín á xente da nova editorial Barbantesa e gustoume como traballaban.