«A amizade con Cuba foi unha resposta ao bloqueo de EE. UU.»

Xulio Vázquez

VIGO

04 jun 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Hai quen almorza con diamantes e quen aínda soña con que algún día a un grao de maíz lle dean máis aprezo que a unha pedra fermosa. Balbino Pérez Bellas é destes últimos. Con el non rixe o dito de «quen aos vinte anos non é de esquerdas, non ten corazón, e quen aos cincuenta anos é de esquerdas, non ten cabeza». Aos seus 80 anos, segue co mesmo discurso de nacionalista galego convencido e non toleou. Foi un dos fundadores da Asociación Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil e tamén do BNG. -¿Como xurdiu esa amizade con Cuba? -Foi polo ano 1976. Pero xurdiu por ideoloxía. Soñábase coa utopía de facer o mundo socialista. Pero naceu sobre todo como unha resposta ao bloqueo dos EE. UU. á illa. Ese feito estimulou que aperceran moitas asociacións en defensa da Revolución de Cuba. Persoalmente tamén tiña unha estreita relación con ese país e a sigo tendo. -¿Cantos socios tiñan? -Chegamos a ter ao comezo 450. Foi o número máis amplo. -¿Teñen mandado moita axuda? -Temos mandado de todo. Moitos vehículos e medicamentos, a pesar de que na illa hai unha estructura sanitaria moi importante, pero houbo unha época na que necesitanban insulina. Agora se manda menos, porque tamén Cuba foise recuperando. -¿A qué se deben a súas visitas á illa cubana? -Porque teño alá familiares e amigos. E tamén a unha historia moi longa con respecto a América Latina. -¿A pode resumir? -Eu traballei bastantes anos para o Goberno sueco como director comercial. Polo que viaxei por moitos países de Sudamérica, sobre todo México, Brasil, Venezuela e Arxentina. Encargáronme de montar unha oficina central de comunicación e incruso viaxei a Cuba con ese propósito. Era a época de Batista, con moita ebullición na capital da Habana, casinos, xogo... E tamén había moi boas comunicacións con toda Sudamérica. Incluso empezaba a utilizarse o fax. Dudaba entre montala na capital cubana ou en México Distrito Federal. Ao final, optei pola segunda. -¿Por que non elixiu a Habana? -Foi pola política, porque xa existía o xerme da revolución, que triunfou uns anos despois. Atopaba un contrasentido montar unha base capitalista nun lugar onde se estaba producindo un movemento social e non se sabía moi ben como ía rematar. -¿A que empresas representaba? -A Ericsson e Volvo, entre outras seis máis. Pero daquela non había telefonía móbil. -¿Cal foi o motivo desa relación comercial co Goberno sueco? -Debeuse a que o ministro sueco de Industria e Comercio daquela época (era sobre o ano 1955) estaba casado cunha galega da Coruña, coa que tiñamos unha relación familiar. E, nunha conversa nas vacacións que viñan pasar a Galicia, fíxome a proposta e acepteina. Curiosamente, o ministro chamábase Vigo Larsen.