O inimigo está desfeito. A 25 de marzo, o gobernador francés, Chalot, ve a imposible rachar o cerco sobre Vigo e comprende que a súa única posibilidade é recibir reforzos. Pero non é doado comunicarse co xeneral Lamartinière, acuartelado en Tui, e moito menos co mariscal Ney.
Nos días previos, mariñeiros de Bouzas teñen interceptado unha carta dirixida por Chalot a Tui, pedindo axuda. Incomunicado por terra, enviou aos seus homes por mar, nunha lancha, pero as patrullas na ría tamén fixeron imposible esta opción.
Por outra banda, Chalot non sabe que Lamartinière tampouco está a pasar un bo momento. Tui está cercada por paisanos, baixo o liderado do abade de Couto, o heroico Mauricio Troncoso, e de caudillos da Louriña e do Condado, aos que se teñen unido os escuadróns dos portugueses Serpa e Pinto, que chegan con dous canóns de a catro.
Era moi activo o campamento do Cerro das Penizas, con avanzada en San Xoán de Paramos, onde se contaban os mellores fusileiros galegos, que provocaban continuas baixas aos franceses nas súas saídas. Esta unidade especializada chamouse Tiradores do Miño e estaba integrada na súa meirande parte por mozos de Ponteareas e do Sobroso.
Durante a semana anterior á Reconquista de Vigo, as refregas no cerco de Tui son constantes, axudando con iso a distraer aos franceses da posibilidade de socorrer a Chalot. Xa o 14 de marzo enviara o abade de Couto un requirimento a Lamartinière, instándolle a renderse, ao que o xeneral galo contestou apresando e encarcerando ao mensaxeiro que lle foi enviado.
Para cando, na tarde do 27 de marzo, decidiu o xeneral Lamartinière enviar reforzos para Chalot, xa era demasiado tarde.
En Vigo, a fame apodérase dos ocupantes. As ordes secretas de Vázquez Varela, pedindo aos veciños que oculten os víveres, teñen sido un éxito. E os franceses non atopan qué comer, mentres ven agonizar mesmo ás súas monturas, que os vigueses atoparán días máis tarde escuálidas.
O profesor Jean René Aymes, da Universidade da Sorbona, achegou no pasado Congreso Internacional sobre a Reconquista novas informacións sobre os derradeiros días de Chalot. En varios oficios, atopados en arquivos de Francia, o gobernador relata a fame que padecen os ocupantes e xura que dará a vida antes que renderse, algo que non cumprirá.
Entre estes novos papeis, Aymes atopou un realmente curioso: Chalot pide nunha carta axuda «á Armada do Zar de todas as Rusias», pensando que hai un buque de guerra ruso cerca das costas viguesas. Se o barco se achegase a Vigo, Chalot estaría disposto «a pagar calquera cantidade de cartos», a cambio de protección e de alimentos para as súas tropas.
Esta interesante misiva -unha das moitas achegas do congreso- evidencia, dunha banda, que Chalot está desesperado. Doutra, que está moi mal informado. Seis meses antes, houbo buques rusos fronte a Lisboa, pero neste momento non hai ningún dato que faga sospeitar da presenza de barcos desta bandeira. O comandante francés está a intentalo todo, porque ve próxima a derrota.
Namentres, continúa a guerra psicolóxica de desgaste iniciada polo alcalde Vázquez Varela, que cada día envía varios escritos a Chalot, relatando as calamidades que padecen os vigueses e augurando un futuro de epidemias e mortes.
Os veciños non teñen qué comer, relata o alcalde, polo que pide que, cando menos, os soldados deixen de acosalos, e así «non lles inquieten nin os priven de chorar nos recunchos da súas casas, a súa miseria, os poucos días que poden sobrevivir a ela».
Para reforzar a Vázquez Varela, tamén escriben a Chalot os comerciantes, procuradores xerais e deputados do común. «A desfeita que as tropas francesas fan con violencia nas casas dos pobres veciños, levando delas canto teñen, segando os seus intereses e hortalizas, preferindo a subsistencia das bestas á dos mesmos homes, con destrucción das viñas e sementados con que inutilizan a colleita vindeira», láianse os industriais vigueses.
Chalot responde ás cartas cun certo matiz de sarcasmo, amosándose atafegado polos padecementos dos vigueses, cando é moi consciente de que son as súas tropas as que os promoven. Por outra banda, non se deixa intimidar.
Tampouco o fai cando lle escriben os representantes dos veciños da Falperra e da Rúa de Santiago, describindo unha situación dramática, pois os franceses «violentan as casas armados, con pistolas, sabres e armas de fogo, fan nelas un rexistro rigoroso, insultan aos seus habitantes, violándolle todo canto teñen; e non contentos co infeliz sustento da súa manutención arrebátanlle as mesmas potas onde o fan. Experimentan algúns veciños a desgraciada sorte de ser maltratados».
Mesmo o 26 de marzo, un día antes do asalto á vila, aínda escribe Vázquez Varela, dicíndolle a Chalot que xa non atura «os clamores continuos dos miserables que rodean a miña casa e a miña persoa por cantas rúas saio, o mesmo que aos máis individuos desta municipalidade; e o meu corazón, forte ata o de agora, desfalece desexando máis ben morrer que sobrevivir a tanta desgraza».
Tamén se mobilizaron os médicos para que atemorizasen aos franceses, advertindo de que unha epidemia era inminente. «Fíxose tamén que os médicos da vila desen parte de que a fame e a miseria desenvolvían enfermidades contaxiosas, precursoras dunha espantosa epidemia».
Todo era útil para desmoralizar ao inimigo e instalo a renderse. E, na última semana, os sitiadores chegaron a desviar os cursos dos regatos, e os canais dos muíños para deixar a Vigo sen auga. Así o denuncia Chalot, en escrito aos seus superiores atopado polo profesor Aymes en Francia, noutra novidade do último congreso.
Entolecido, desesperado, sen información nin axuda posible, vendo a derrota inminente, Chalot ve cómo a súa fortaleza de Vigo se ten convertido na súa cadea. Aínda se da aires de cabaleiro nos seus escritos, pero é un home desfeito. En dous días, o pesadelo rematará coa derrota e a rendición a mans dos vigueses.