Primeira victoria: A toma do «Atlas»

VIGO

23 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A noite cobre á ría no seu silencio, nunha madrugada de novembro. A lúa permite ver a enseada de Baiona, salpicada de barcas de pesca que se arrolan xunto a unha polacra de guerra de tres mastros, fondeada ao abrigo da fortaleza de Monte Real. Na súa garita de pedra, o vixía loita contra o soño. Pero algo chama a súa atención: Fronte ás illas Estelas creu ver un par de luces en movemento. Logo, nada. Así que o sentinela reláxase: Son tempos difíciles, despois da derrota en Trafalgar, que deixou ao país sen flota de guerra. O pobo, como ocorreu case sempre, haberá de arranxarse pola súa conta. A única defensa é a armada corsaria de Vigo, que segue a facer presas inglesas. Ata que a mariña da súa Maxestade británica se farte e decida contraatacar.

De súpeto, o vento parece traer voces e, xa preto das rocas de Monte Real, algo se move. Só o distingue con claridade cando se aproxima á muralla: Dúas barcas achéganse á polacra e os seus ocupantes tentan abordala. Preto da praia, outras lanchas, cargadas de homes, van desembarcar.

A voz de alarma do vixía de Baiona evitou unha traxedia aquela noite de finais de 1807. A guarnición da praza mobilizouse de inmediato e, disparando os seus canóns contra os invasores, logrou desbaratar os plans dunha escuadrilla inglesa, que intentaba unha expedición de castigo sobre a ría de Vigo. Os inimigos houberon de retirarse.

Pero, menos dun ano despois desta acción bélica, todo mudou. Entrado 1808, os ingleses tornáronse aliados, mentres os franceses son agora o inimigo. E, nesta nova situación, os vigueses apúntanse a primeira victoria da contenda, nunha acción producto de moitos anos de actividade corsaria, boas doses de valor e un chisco de picardía.

Todo aconteceu nunha mañá do mes de xullo de 1808, cando os mariñeiros de Vigo, curtidos durante anos na flota corsaria, en barcos como o Tunante, o Atrevido ou A Vingadora, lograron capturar a un dos máis flamantes buques de guerra de Napoleón, a fragata Atlas.

O Atlas entra en Vigo con todo o trapo ao vento, nunha fermosa mañá de verán. O navío de guerra xa tiña estado neste porto en 1805, cando os franceses eran aliados dos españois, e o buque aliñábase na escuadra combinada de Gravina e Villeneuve que combatía contra os ingleses en Fisterra. Naquela data, o Atlas tíñase refuxiado na ría para reparar os danos de combate e para que se recuperase o seu comandante, o capitán Rolland, que ía ferido.

Rolland e os seus homes viviron na vila algúns meses, mentres o Atlas daba cobertura á praza. Pero, nesta ocasión, tres anos despois, regresaban como inimigos.

A aparición do buque provocou a alarma xeral na vila. A fragata, de 74 canóns, avanzou paseniño ata fondear fronte á ribeira da Laxe. Inmediatamente, abriu fogo de artillería contra a praza. Pero, para a súa sorpresa, os vigueses comprobaron que aqueles canonazos non producían ningunha desfeita. Escoitábanse as detonacións, pero nin asubiaban os proxectís nin había danos. Tardaron pouco en decatarse de que o Atlas estaba facendo, en realidade, salvas de honra.

O capitán Rolland creu que Vigo xa se atopaba baixo mando francés, tendo en conta que José Bonaparte era o rei en Madrid. Así que quixo agasallar á poboación que xa coñecía cun concerto de canóns, á espera dun gran recibimento. Sen dúbida, teríao.

Aproveitando o desconcerto, mariñeiros do Berbés, Areal e Coia embarcan nas súas lanchas, ocultando as armas, e aproxímanse ao navío para rodealo entre amabilidades e bromas.

Cando o máis que inocente capitán Rolland cre recibir a un "comité de benvida", atópase á súa tripulación encanonada polos mariñeiros vigueses, que descobren as súas armas. Sen disparar un só tiro, o seu barco, orgullo da mariña imperial, foi abordado e está en poder do inimigo. Nun trazo por fin de perspicacia, entrégase sen ofrecer resistencia.

Podemos imaxinar a ledicia dos vigueses tras este éxito. Aínda non pasara nin un mes desde que o Concello, envalentonado, a mediados de xuño de 1808, decidiu declarar solemnemente a guerra a Francia, coa lectura dun manifesto na fortaleza de San Sebastián, mentres se disparaban salvas de honra desde o castelo do Castro. En poucas semanas, multiplícanse os voluntarios, que acoden a alistarse. E, aínda que pronto serán todos traizoados, como se explicará en sucesivas entregas, cando se obriga a estas forzas a ir loitar a Castela, deixando Vigo desguarnecida, agora corren tempos felices e optimistas. E, máis, logo da toma do "Atlas".

Como trofeo por este éxito, os vigueses quedarán coa bandeira da fragata, que lucía a aguia de Napoleón. Era nada menos que un agasallo feito polo propio Emperador. Este estandarte foi enviado á Xunta Suprema de Sevilla e hoxe consérvase, moi deteriorado, no Museo Naval de Madrid.

Tras o seu apresamento, o Atlas foi integrado na Armada española, a que en realidade regresaba. Aínda que moitas fontes se trabucan e din que era un barco novo, e que Napoleón lle regalou a bandeira na botadura, o buque fora botado en 1754 en estaleiros de Cartaxena. Durante case medio século, servira como embarcación corsaria no Levante, baixo o nome orixinal de Atalante, ata que en 1801 foi transferido aos franceses, que o rebautizaron. Foi entón cando comezou a operar en Galicia, baixo o mando do capitán Rolland, e cando recibiu a distinción napoleónica que hoxe se exhibe en Madrid.

Ese anaco de lenzo tricolor é o testemuño dunha victoria viguesa, a primeira, poucos meses antes de que a vila vivise o drama da guerra con toda a súa crueza.