Matar o orgullo

Francisco Lendoiro Serrano

SOCIEDAD

Canto tempo había que non se tiñan diante un do outro? ¿Catro anos?? ¿Cinco?... ¿Máis? Foran os que foran, parecera que pasase unha eternidade ou que a amizade de ambos os dous fora soamente un soño.

Mentres se achegaba xunto a el, os recordos empezaron a manar de súbito nos seus miolos. Aqueles de cando cativos ían á escola, os de cando as verbenas coas mozas, os das vodas de ámbolos dous. Os de cando os bautizos dos fillos de ambos. Moitos eran os que estaban a pasar por debaixo da ponte da amizade esquecida.

Recordos que, sen decatarse, fixeron que dos seus ollos saíran aquelas bágoas cando lle chegou o de aquel malentendido que nunca fora reparado, máis que todo pola súa vaidade e polo seu orgullo.

Malentendido que quixo lembrar cal fora pero somerxérase tanto en si mesmo, que o único que fixera fora afogar aquela amizade. Non tiña dereito a chamarlle amigo cando fora el o que matara aquela relación.

Ricardo estaba alí en medio de todos os amigos que tiñan en común; amigos que tanto insistiran e o aconsellaran que deixara o seu orgullo e esquecera o pasado.

Pouco a pouco foi achegándose xunto Ricardo, os pés pesábanlle moito, o que facía que os seus pasos se tornaran lentos, moi lentos. Todos os alí presentes foron apartándose, deixándolle o camiño libre. O silencio que reinaba, naqueles intres, era enxordecedor.

Cando se encontrou cara a cara con Ricardo, non soubo que dicir, as bágoas seguían baixando polas súas meixelas, as mans suábanlle e tiña a sensación de desmaiarse, pois as pernas no querían manter o seu corpo.

Tivo que apoiarse no cristal que os separaba para non caer no chan e apoiando a fronte no mesmo cristal tan soamente puido dicir o que tanto e tanto lle custara dicir en vida de Ricardo? «Perdón, amigo meu».