O rei García

Ramón Coira Luaces

SOCIEDAD

García, o lexítimo rei de Galicia, vestía case farrapos e laiábase da súa triste sorte naquela fría e escura torre, na que estaba encadeado por orde do seu propio irmán, o rei de León e usurpador do trono galego.

Lembraba García con nostalxia a capital do seu efémero reino: xentes, casas, campos, bosques e, sobre todo, o camiño que acompañaba o río e por onde a el lle gustaba pasear os días de verán, acompañado do seu senescal, criados e cans.

Naquela soidade e tediosa rutina, na que cada día era igual ao anterior, os recordos do pasado eran a súa única compañía e dáballes voltas unha e outra vez. Primeiro vencérao o seu irmán Sancho, rei de Castela, e obrigárao a partir ao desterro. Despois da morte de Sancho, el regresara axiña a Galicia; porén quixo o destino que o capturase con engano o seu outro irmán, Alfonso; encerrándoo naqueles muros e obrigándoo a arrastrar aquelas grosas cadeas de ferro. Sentíase o máis desgraciado dos reis de Galicia, pois levaba xa trece anos preso no castelo de Luna, preto de León, e xa intuía por aquel entón que non ía saír con vida daquela maldita fortificación. Corría o ano de 1085.

Os elos das cadeas eran as súas xoias rexias e, posto que con el non había piedade, coas súas cadeas quería que o enterrasen. Era a súa única protesta posible e así o manifestara en varias ocasións, agardando polo reparador xuízo divino. Ese día, os gardas que o custodiaban deixáronlle a comida coma sempre e el manifestoulles: «Queixareime ao meu irmán polas condicións nas que me tedes recluído...».

Eles pecharon a porta sen responder e García escoitou como lle comentaba un ao outro: «Os reis Fernando e Sancha tiveron tres fillos: dous listos e un burro; e a a nós tocounos coidar do burro». As súas risas mortificaron ao prisioneiro e retumbaron nos seus ouvidos durante un bo anaco. E o peor era que se trataba dunha verdade: ser algo parvo era o seu delito, xa que outra falta non lembraba ter cometido. Sentíase, pois, inocente, tan inocente que só o poderían acusar de ser tan iluso como para fiarse da boa vontade dos seus propios irmáns.

Triunfara unha vez máis a lei do máis forte e el, o parvo, ficaba encadeado naquela fría penumbra, invocando o xuízo supremo: o único -e quizais estéril- recurso dos débiles.

E pensou o rei García, que máis lle valera ter sido un humilde labrego e suar no traballo dos campos de cultivo, ca un rei tan longa e cruelmente encadeado.