«Pódese comer carne de porco sen problema porque os virus quedan destruídos a partir dos 71 graos»

SANTIAGO CIUDAD

Estamos ante o inicio dunha pandemia de gripe moi serio. Iso é o que afirma o xefe do servizo de medicina preventiva do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago e catedrático de Epidemioloxía da USC, Juan Jesús Gestal Otero, que afirma que este virus é moi agresivo e afecta máis a adultos novos.

-¿Estamos preparados?

-En Galicia estamos xa pendentes de que poida chegar a gripe porcina, e estamos preparados grazas ao plan contra a pandemia de gripe que se deseñou ante o anterior desafío, que foi a aparición da gripe aviaria. Tomáronse xa as medidas axeitadas.

-¿Cal é o tratamento ante a aparición dun caso de gripe porcina?

-A quimioprofilaxe co medicamento que ten como nome comercial Tamiflu, o mesmo que se utiliza para a gripe aviaria. As investigacións demostraron que este virus é sensible a este compoñente, co que se trata tanto ao doente como ao seu entorno para que a enfermidade non se siga estendendo. En España temos reservas que haberá que utilizar para curar os posibles casos.

-O que non hai é vacina.

-Non hai porque se trata dun virus novo, pero de seguro que se vai desenvolver. Estamos fóra da época de gripe, que vén por ondadas. Primeiro hai unha pequena e despois, cara a outubro ou novembro, volverá a aumentar. En outono é posible que haxa unha vacina, porque xa estaba previsto para a gripe aviar.

-¿Pódese comer carne de porco?

-Pódese comer carne de porco sen ningún problema, porque é un alimento que se inxire cociñado. Os virus quedan totalmente destruídos cunha temperatura de cocción superior aos 71 graos. O que si que é posible que se faga é tomar medidas coa circulación de animais, para evitar que as piaras se poidan contaxiar ante a chegada de animais infectados.

-¿As vías de contaxio son as dunha gripe normal?

-Si, polas mans e as secrecións respiratorias. Pódese contraer cunha serie de xestos que son inconscientes, como dar a man ou tocarse as mucosas do ollo ou da boca. Haberá que comezar a ser máis corteses e saudarse coa cabeza.

-¿Cal é o procedemento para evitar esta pandemia?

-Illar os casos sospeitosos, porque unha vez que se disemina o virus é imparable. En cinco horas, unha persoa contaxiada está xa liberando virus e o período de incubación é de dous ou tres días. Ademais, aínda se segue a contaxiar mentres persista o cadro catarral.

-¿Hai que ir ao médico en canto haxa síntomas de gripe?

-Se se trata dun adulto novo e san cun cadro complicado con pneumonía si, pero se non hai contacto o máis posible é que non sexa gripe porcina.