«Será o cambio máis importante despois do do euro»

J. G.

SOCIEDAD

30 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

«O Espazo Europeo de Educación Superior é unha oportunidade para todos os países inmersos no proceso», afirma Sánchez Piñón, quen considera modelar a maneira como se está a levar na nosa comunidade, con consenso entre as partes implicadas.

-¿Que vai supor este proceso?

-Será o cambio máis importante para Europa despois do do euro, pois suporá quebrar as fronteiras da formación e do coñecemento. Tamén permite concibir a formación ao longo da vida, e unha mellor adaptación ás innovacións científicas, tecnolóxicas e sociais que nos últimos 30 anos se suceden con maior velocidade que en ningún outro momento da historia.

-¿Como vai incidir no ensino?

-Introducirá novidades, como unha formación máis titorizada, con traballo en grupo e unha maior relación con outros campos do saber. Non obstante, hai unha clara aposta por un ensino universitario público, mesmo no posgrao, que xa se comeza a notar nos 177 másteres galegos adaptados. A maior mobilidade entre países que posibilitan os novos títulos facilitará o deseño de políticas económicas e sociais. Hai pouco, en Matemáticas, comprobei como se favorece a interacción entre as tres universidades galegas, e a boa receptividade que teñen os novos estudos no profesorado e no alumnado.

-Non obstante, hai protestas...

-É que existe moita confusión, e moitas protestas son por ver ameazas no que deben ser oportunidades. Unha Universidade Única Europea fortalece esta institución, e potencia que sexa o motor de cambio das sociedades, para melloras de dereitos, tecnolóxicas e de todo tipo que inflúan na vida das persoas. O proceso leva o seu tempo e non vexo nada preocupante en que o alumnado solicite información.

-¿Finalizará o proceso en Galicia no curso 2010-2011?

-Avanzamos de maneira ordenada e queremos ser dos primeiros, porque pensamos que é bo para todos. O curso que vén haberá máis de setenta títulos de grao adaptados. Hai un acordo no Consello Galego de Universidades, que fixou un calendario, e penso que o proceso aquí é modélico. Desde a Xunta implementamos tamén maior financiamento para a formación do profesorado e para desenvolver o proceso.