«As feministas de hoxe queremos seguir sendo mulleres»

La Voz

SOCIEDAD

Constituída o pasado sábado, a Federación Galega de Asociacións de Apoio á Lactación Materna estréase cunha semana aberta á sociedade. A súa presidenta, Patricia López, é a responsable do colectivo lugués Bico de Leite.

-¿Que dificultades atopan as nais que queren aleitar?

-A primeira atópase á hora de comezar, xa nos hospitais. A experiencia que temos en Lugo é que a porcentaxe das que queren aleitar está arredor do 70%, e as que saen dos hospitais con lactación exclusiva, só dous días despois, baixan drasticamente; moitas abandonan por falla de apoio dende o mesmo hospital, danse informacións contraditorias e hai dificultades de toda índole.

-¿Por exemplo?

-A separación dos bebés e as nais é mala, hoxe está case superado, pero non en todas partes. Ademais, o ritmo hospitalario non ten por que ser o da lactación. Séguese mantendo a separación durante as primeiras horas, a famosa observación, e ese tempo é moi variable. Poden ser de seis a doce horas, e iso dificulta enormemente o inicio da lactación, os bebés perden o instinto de succión, adormecen, danlle biberóns con soro glucosado...

-¿Esa é hoxe a realidade de Galicia?

-Son protocolos tradicionais nos hospitais dende hai 40 anos e hoxe sábese que non son necesarios e que ás veces son prexudiciais. Nós estamos aí para que todo isto vaia cambiando. Non é cuestión de provincias, senón de cada hospital, porque non existe unha política xeral do Sergas; aínda que están agora traballando niso, o que priman son os protocolos dos hospitais e estes deciden moitas veces en función do que poden: persoal, espazo e orzamento. En Galicia só temos un hospital amigo dos nenos, que son os que contan cun protocolo de defensa e promoción da lactación materna, o do Salnés.

-¿E ao saír do hospital?

-A partir de aí as dificultades poden ser variadas. A principal empeza co tema de horarios, máis ben a falta de horarios, e o temor a que o leite non sexa suficiente. Comezan as primeiras dúbidas, porque as nosas nais practicamente non deron o peito, perdeuse a cultura de aleitar... Todo isto son problemas. Por iso os grupos de apoio ofrecemos axuda práctica, o noso principal labor é de soporte psicolóxico, emocional e sentimental, ofrecer información correcta: que o 95% das nais temos o leite suficiente; só hai que dar o peito sempre que o bebé o pida e todo o tempo que pida; se o fas así, o leite é suficiente. Iso é algo que hai que dicir.

-¿E como encaixa iso coas obrigas dunha nai moderna?

-Ás veces é complicado, pero somos moitas as que aleitarnos prolongadamente e traballamos fóra e dentro, e máis cousas. Compatibilizamos perfectamente a lactación cunha vida moderna; simplemente tes que estar convencida de que o que fas é o correcto.

-¿E que din as feministas?

-Eu considérome feminista, as novas feministas somos nós. Sei que existe esa controversia das feministas anteriores, as do biberón. Esa idea está trasnoitada, o tema de que a liberación da muller ten que levar asociada a lactación artificial, deixar aos pequenos na gardería ou onde sexa e ti volver traballar. As feministas de hoxe somos as mulleres que queremos seguir sendo mulleres, seguir sendo nais e participar na sociedade.

-¿E as empresas?

-Hoxe temos certa cobertura legal, certa protección, á hora da lactación.

-¿Respéctase?

-Moitas veces non porque hai nais que non se atreven, pero se se pide penso que a teñen que dar, porque non lles queda máis remedio e non é unha cousa que lles repercuta tanto.