«Apaixóname crearlle vidas e mundos a rostros do común»

Concha pino SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Compostela é o epicentro da segunda novela deste profesor de secundaria, que publica un ano despois da primeira

01 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Manuel Portas non é un escritor de medias tintas. Colaborador en obras e publicacións didácticas e pedagóxicas e autor dunha obra de sociolingüística de referencia, este profesor de Literatura do instituto Xelmírez I entrou no campo da creación literaria sen prolegómenos coa súa primeira novela, Denso recendo a salgado, publicada hai un ano por Edición Xerais, a editorial coa que volve con Un dedo manchado de tinta. Esta é unha novela que non o é, como se salienta dende a contralapela do libro, contada en sete relatos e personaxes da Compostela actual, cunha estrutura que engaiola e sorprende ao lector, avisado ou non.

-A primeira novela resolveuna en oito días, e esta en sete relatos. ¿Por que esta estrutura?

-A priori non aparece como estrutura. O lector vai lendo sen saber por que aparecen historias sen relación aparente. Quería reflectir a casualidade das vidas nun entorno urbano como Santiago, onde xente coa que se pode coincidir nun semáforo ou tomando un café ten mundos extraordinarios en aparencias vitais anónimas. E só se tocan tanxencialmente, aínda que hai un amarre final, claro, pero que xoga tamén coa realidade e a ficción.

-¿Ten que ver coa busca de aire fresco na literatura galega?

-Estase facendo unha narrativa moi boa no país, moi boa, e estase recoñecendo internacionalmente. Creo que a narrativa ten que ensaiar novas fórmulas, arriscar. Necesita a conivencia co lector, e paréceme imprescindible o hibridismo. A narrativa tense que mesturar con outras expresións artísticas como en orixe o fai a poesía.

-De aí o disco que inclúe a novela. ¿Como naceu a idea?

-É casual, aínda que hai tamén algo causal. Deuse a coincidencia de ter á vocalista de Loaira, Clara Pino, traballando no mesmo centro. Leu o orixinal do libro e acabou convertendo en texto poético, que logo musicou, seis temas creados a partires doutros tantos personaxes que aparecen na novela. É un produto diferente a partir da mesma materia artística. Hai que ir por aí.

-¿Detrás destas historias hai un observador pertinaz?

-Creo que está o lector e vicioso da literatura que fun sempre, só que antes dediqueime á axitación lingüística, á xestión educativa e á política. Pero nunca deixei a literatura. Ate que decidín expresar a miña visión do mundo. Neste caso son historias que me pasaron pola cabeza que podían dar unha novela cada unha ou quedar aí, sen continuidade. E hai que observar, senón é difícil ver o lado orixinal da realidade. Por iso para min é impresionante a riqueza de Cunqueiro. Apaixóname crearlle vidas e mundos a rostros do común.

manuel portas autor de «un dedo manchado de tinta»