«Temos overbooking no obradoiro para facer corazóns de chocolate»

C.?P. SANTIAGO/LA VOZ.

SANTIAGO

A diversión infantil está servida no Multiusos de Sar ate o 3 de xaneiro co variado programa de actividades lúdicas e didácticas que propón a Concellaría de Educación nunha nova edición de Nadalxogo. Non faltan novidades como a que ofrece o Salón do Libro que funciona neste ámbito para a distensión. Son os obradoiros arredor do libro de Jaureguizar Corazón de chocolate , que por un lado xira arredor do mundo Tintimán, coa proxección de peliculiñas de animación na caravana Caixiña de mixtos e facendo eles mesmos personaxes animados, e doutro elaborando corazóns de chocolate comestibles coa axuda de Alba Blanco.

-¿É doado ensinar a facer doces?

-Estes si, porque se fan con biscoitos desfeitos mesturados con nocilla derretida, e un baño final de chocolate. Os pequenos son moi agradecidos e é moi gratificante traballar con eles.

-¿Hai perigos nesta cociña?

-Non, é moi segura. Só usamos un microondas e unha neveira.

-¿Cantos nenos e nenas participan cada tarde?

-Uff!, uns 35 en dúas quendas, ás seis e ás sete, pero a lista cos que se anotan está chea ás cinco da tarde. Temos overbooking de chocolate. Hainos que non perderon ningún. Ate o día 3 vainos haber cada tarde.

-¿Que lles gusta máis do proceso?

-Comer o corazón. Algúns xa queren comelo antes de que estea frío. Tamén lles divirte moito mesturar o biscoito e a nocilla.