«As maiores diferenzas que vexo con Luanda é que Santiago está máis organizada, e fai moito máis frío»
29 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Desde o outono de 2009 o profesor Benevides Maurício ensina na USC. É o segundo docente de portugués que procede de Angola, nación africana que pertence á Comunidade de Países de Lingua Portuguesa. Esta semana a súa presenza impactou no instituto Rosalía, onde falou o martes do seu país, e o alumnado pediu que regresase. Así o fixo onte, con sesións de mañá e tarde.
-Veu do sur da África para Compostela, ¿como resulta esta experiencia?
-Agora ben. Cando cheguei xa tiña pasado un mes do curso na Universidade, e a adaptación foi difícil.
-¿Cal foi a principal mudanza?
-Son de Luanda, unha cidade máis grande e cara que Santiago. As maiores diferenzas son que Santiago está máis organizada, e fai moito máis frío. No meu país as temperaturas oscilan dos 20 aos 40 grados, e ao chegar aquí, no outono, case daba vontade de regresar.
-¿É o mesmo ensinar portugués na USC que en calquer outro país?
-Aquí vexo unha diferenza importante: para o alumnado galego o portugués non é unha lingua estranxeira, o que acontece cos Erasmus, que non a coñecen e só a ven como estranxeira.
-¿Tivo problemas de idioma en Santiago?
-Non, foi unha sorpresa o ben que me entendo co galego e o ben que me entenden a min, hai gran intercomprensión. É un fenómeno lingüístico interesante.
-E o contacto co alumnado do instituto Rosalía, ¿como foi?
-Notei unha proximidade e interese pola cultura do meu país, do cal non tiñan ningún coñecemento, e sobre todo foi sorprendente para eles o percibiren o portugués de Angola, non sabían que nos podíamos entender sen dificultades. Pediron que regresase, e así o fago.