A asociación micolóxica Sendeiriña, do Val de Barcala, está a desenvolver distintas actividades co gallo da estación do ano na que estamos, á marxe das habituais saídas. De aí que, ao longo desta semana, o alumnado do instituto Xulián Magariños fose convidado á recolleita de cogomelos polos prados e bosques do verde val barcalés, e que o vindeiro venres serán expostos no propio instituto, grazas á colaboración do profesor Emilio Mato e de expertos no eido micolóxico como Amador Troncoso.
Os membros de Sendeiriña tamén programaron outra exposición de cogomelos nunha das casetas do pazo do Cotón, para o día 31 de outubro (domingo), na véspera do recoñecido concurso de cogomelos de As Pontes, onde o pasado ano este colectivo logrou o terceiro premio na súa primeira participación.
Asimesmo, dende a asociación barcalesa están a traballar, en colaboración co Concello de Negreira, na celebración dunhas charlas con especialistas en micoloxía, ademais dun importante labor de información.