«O Cegadi é o resultado de 10 anos de reivindicacións»

La Voz

SANTIAGO

12 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

As persoas con discapacidade teñen que contar nos proxectos que se fan para toda a cidadanía, insiste Anxo Queiruga: «É unha cuestión de cidadanía e de dereitos, e non só pensando en nós pois ninguén sabe cal pode ser a súa situación: se unha persoa se fractura unha perna, pode precisar unha cadeira de rodas. Hai que facer un espazo de disfrute para todos».

-¿Que expectativas abre o Centro Galego de Desenvolvemento Integral (Cegadi) de Salgueiriños?

-É o resultado de dez anos de reivindicacións. Prevemos que conclúa a obra no final deste ano. O equipamento requirirá un orzamento importante, a 2 ou 3 anos. Estamos a definir coa Xunta as prioridades e a idea é que abra no 2011 ou como moi tarde no 2012 con algúns servizos.

-¿Como resultan as vivendas de Fontiñas, e o servizo de asistencia persoal?

-Esas vivendas demostraron como as persoas do noso colectivo, se dispoñen de recursos, teñen capacidade para vivir independentes. E a asistencia persoal chega a 45 persoas no noso país, 30 horas á semana, que son certamente escasas.

-¿E os novos proxectos empresariais?

-Comezamos a xestionar 5 centros de día, un deles en Rois; e concorremos ao concurso eólico. Temos necesidades financeiras importantes, porque coa crise diminúen os recursos, e tamén as axudas europeas; e precisamos xerar máis postos de traballo, e igualar as oportunidades no rural, para o que contamos con cinco centros de recursos, en Boimorto, Ribeira, Outes, Silleda e Xove.

-¿Que se propoñen para os próximos vinte anos?

-Seguir coa evolución e gañar máis visibilidade. E convencer ás Administracións de que os servizos sociais son un investimento importante.