«Cada ruta ten moito de poesía e de creatividade»

Begoña G. Rielo SANTIAGO/LA VOZ.

SANTIAGO

Este investigador compostelán está detrás da nova pa?xina web de turismo galego alternativo

19 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Dende a semana pasada, Galicia conta cunha páxina web adicada ao turismo alternativo. Un dos artífices desta iniciativa é o profesor universitario Carlos Ferrás Sexto (Santiago, 1965), que dirixe o Grupo de Investigación Sociedade, Tecnoloxía e Territorio da USC, promotor da web.

-¿Cómo se chama a web?

-www.galiciaauténtica.org.

-¿Cal é esa Galicia que está por descubrir?

-A Galicia etnográfica, os estilos de vida e a cultura que nos fai diferentes e que nos caracterizan como pobo.

-¿Que ofrece a páxina?

-Agora mesmo hai vintecinco rutas etnográficas por toda a xeografía galega, pero está aberta ás aportacións tanto de particulares como de institucións.

-¿Cal é o obxectivo da iniciativa?

-Construír unha imaxe diferente de Galicia a partir de fórmulas de turismo alterntivas. Tamén pretendemos desestacionalizar os fluxos turísticos, é dicir, lograr que os visitantes se animen a visitar o rural galego en calquera época do ano, tanto para desfrutar da cultura, da paisaxe e da forma de vida, como para coñecer os seus problemas.

-¿Como se elaboraron as diferentes rutas?

-O primeiro paso foi documentarse. Logo buscáronse fórmulas etnográficas alternativas a partir do descubrimento da vida das persoas no seu lugar de orixe. Acudiuse a asociacións culturais, a familias insertas na economía local e a eruditos e artistas da zona para saber cal é o modo de vida en cada sitio. Posteriormente, os investigadores viaxaron a eses lugares, construíron a ruta e dixitalizaron en vídeo a vida diaria deses pobos, aldeas, camiños, lugares de ocio, etc. Cada ruta ten moito de poesía e de creatividade.

-Persoalmente, ¿con que ruta se queda?

-Por orixinal e distinta, quédome coa dos cabalos bravos e as turbas do Xistral porque mestura o estilo de vida dos gandeiros da montaña co dos agricultores da Terra Chá. Tamén ofrece a posibilidade de coñecer a tradición familiar de elaboración de pan en fornos de leña, un produto estupendo e fóra das canles comerciais.

-¿Como xorde a iniciativa?

-Dende o noso grupo de investigación somos conscientes do problema do despoboamento rural e da falta de alternativas económicas. Por outra parte, vemos como o turismo oficial se concentra en Santiago e nas Rías Baixas. Entón a cuestión era como chamar a atención para que os visitantes miren cara o resto de Galicia. A idea é potenciar e darlle valor á nosa forma de vida diferente, así como á cultura, á lingua, á xeografía e á paisaxe.

-¿A quen está dirixida a páxina?

-A todo aquel que teña inquedanza por coñecer Galicia cun enfoque diferente, que vaia máis aló dos tópicos do turismo oficial e que busque o auténtico, a expresión cultural da sociedade galega.