O Colexio de Avogados salienta avances no uso do idioma galego

La Voz

SANTIAGO

01 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O decano do Colexio de Avogados, Evaristo Nogueira, aprecia «certos avances motivadores» nos usos do galego na Administración de Xustiza, segundo manifestou onte na sinatura dun novo convenio con Política Lingüística. O documento ten como obxectivo desenvolver diversas actuacións por parte desta corporación profesional de Compostela «destinadas a promover e a mellorar o uso do galego entre os profesionais colexiados e máis no funcionamento da propia entidade, coa finalidade de reforzar a presenza desta lingua na actividade xurídica». O Colexio de Avogados edita a revista Avogacía Compostelá , que ten unha sección dedicada á normalización lingüística, e organiza os últimos anos a xornada Xustiza e lingua: reflexións para a normalización . Política Lingüística salientou no acto que este mes se publicou o Manual básico de documentación administrativa e xurídica , para facilitar o labor dos profesionais neste ámbito.