O Padroado do Museo Casa da Troia anuncia a apertura do inmoble para o mes de maio

La Voz

SANTIAGO

O Padroado do Museo da Casa da Troia celebrou no Pazo de Fonseca unha reunión na que se acordou iniciar as xestións pertinentes cara a procurar abrir o museo troiano no mes de maio. A xuntanza do padroado, presidida polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, decidiu que unha vez aberto o Museo Casa da Troia tratarase de «darlle continuidade no tempo», porque considera que A Casa da Troia constitúe un «patrimonio cultural e turístico da cidade para goce de todos, composteláns e visitantes». Ademais da primeira autoridade municipal, a reunión contou coa presenza do vicerreitor da Comunidade Universitaria e Compromiso Social da USC, Xosé Manuel Mayán Santos; o director xeral de Patrimonio Cultural da Xunta, Xosé Manuel Rey Pichel; e o presidente da Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC, Perfecto Yebra, así como cunha representación da Asociación de Antigos Tunos Composteláns encabezada polo seu presidente, Benigno Amor Barreiro, recentemente elixido. Este, ao rematar a xuntanza, declarou que na mesma falouse da posibilidade de incorporar a Casa da Troia á rede museística de Compostela, idea que o alcalde recibiu con agrado. Benigno Amor Barreiro destacou «a boa disposición das administracións para poñer en valor o museo», actitude que agradece «encarecidamente» o representante dos Antigos Tunos Composteláns, asociación que sempre velou directamente pola Casa da Troia. O Museo da Casa da Troia, que está pechado dende outubro do ano 2008 por falta de orzamentos, simboliza a Compostela universitaria e o estilo de vida de hai cen anos na hoxe capital de Galicia. Abriuse ao público o 27 de febreiro de 1993, logo de trinta anos de xestións, dende a adquisición do inmoble -hoxe de titularidade municipal- ata a súa inauguración coa dotación necesaria, pasando pola súa restauración, amoblamento e decoración. O Padroado do Museo da Casa da Troia tamén acordou facer público o seu recoñecemento á figura de Benigno Amor Rodríguez, finado hai un ano e pai do actual presidente da Asociación de Antigos Tunos Composteláns. Este recoñecemento fáiselle pola súa «enorme achega» á causa troiana e por «toda unha vida dedicada a facer realidade o museo».