«Se teño que calar para tocar en circuíto deixo a música»

M. B.

SANTIAGO

O ex arpista de Milladoiro protagoniza Sons da Diversidade con temas dos seus dous primeiros discos

13 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O ciclo Sons da Diversidade abrirá hoxe o seu telón, na súa segunda cita do ano, a un dos novísimos da música galega, Roi Casal, ex arpista do prestixioso grupo Milladoiro. Roi, pertencente a unha saga musical -seu pai é o gaiteiro Nando Casal, e seu avó paterno foi director de bandas de pobo-, ofrecerá un variado programa con temas do seu primeiro disco, Lendas douradas , e do novo, Maxicamente vello . O músico contará coa sorpresa dunha importante figura convidada que non quere revelar.

-¿Non nos pode dar algunha pista?

-É unha figura galega que toca un instrumento que a min deume de comer varios anos.

-¿A herdanza musical da saga foi fundamental para que se dedicara á musica?

-Sen dúbida. Meu avó foi un humilde director de banda, e por aí empezou o gusanillo do meu pai. Eu sempre tiña unha habitación con instrumentos, un piano fermosísimo. Aparte tiña os discos que meu pai traía cando ía gravar a Dublín ou tocar a Alemaña. Loxicamente, tiven unha oportunidade que sería triste desperdiciar.

-¿Por que un rapaz novo como vostede abandonou un grupo internacional como Milladoiro?

-Porque era un compromiso comigo mesmo. Non podo ver a música do mesmo xeito que músicos que tiñan trinta anos menos ca min. Aínda que compartía e gozaba con eles, non era o meu.

-¿Un ano despois de comezar a carreira en solitario, está sendo como esperaba?

-É máis do que esperaba. Saín como nun salto ao baleiro, pero esgotei a miña primeira tirada do disco, e fichei por Discmedi, que agora son os encargados de volver editar o disco. Estou moi contento.

-« Maxicamente vello» parece que é un traballo máis persoal.

-Si. A carreira en solitario faite sentir un pouco só, polo que quero facer un disco máis meu. En Lendas nótase a influencia de Milladoiro.

-¿Segue sentíndose antes galego que músico?

-Si. Poderei deixar de chegar a ser músico, pero galego serei ata o último alento. Esa é a postura vital que como individuo necesito, algo ao que non podo renunciar.

-Hai quen di que o folk está esgotado. ¿Iso significará que a música galega, como a cultura, está ensimesmada e acomplexada?

-Non o creo en absoluto. Esa é unha solemne bobada. Quen o dixo debería reflexionar se está en condicións de ocupar o cargo que ocupa.

-Parece que a vostede non lle preocupa nada non tocar no Xacobeo.

-Nada. Se teño que calar para acceder a un circuíto deixo a música. É unha visión reducionista ter Galicia como un «corralito» onde tocar. O mínimo que hai que ter é un respecto á xente que se dedica a isto.