«Esta poesía é renovadora no léxico e na estética, ten un aire máis arriscado»

C. P.

SANTIAGO

04 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A editorial Bubela presentou na Libraría Couceiro o terceiro poemario de Mariña Pérez Rei, natural de Ames que reside en Compostela aínda que é profesora do IES de Brión. A autora, que estivo acompañada por poetas e editores do movemento Sentimental-ismo, do que ela mesma forma parte, presentou na pasada primavera outro libro de poemas, pero ben diferente deste en estrutura e edición.

-¿Escribe cun ritmo tan intenso para sacar dous libros no ano?

-Non, non. Publicar non se pode equiparar a escribir. Este poemario leva tempo escrito, é anterior ao que me publicou Antonio Piñeiro o ano pasado, pero xurdiu a oportunidade de publicalo agora, porque non foi fácil atopar quen o entendese.

-¿Por que?

-É unha poesía novidosa, renovadora no léxico e na estética, con variacións na estrutura de cada poema. Intentei darlle un aire máis arriscado, porque non se pode facer sempre o mesmo libro, é necesario innovar.

-¿Que supón «militar» en Sentimental-ismo?

-A procura da renovación estética, buscar unha linguaxe poética diferente e que teña un significado. Defendemos unha maneira de escribir e de crear, pero sen confrontar o que facemos co que fan outros autores.

-¿A narrativa tena aparcada?

-Teño dúas novelas escritas e entregadas en dúas editoriais distintas, agardando saír do prelo.