«A marca de Santiago é o canón turístico, moito máis que Galicia»

SANTIAGO

Sentencia que o desenvolvemento do sector debe ser sostible e ordenado para que o casco histórico non se desvirtúe e deixe de ter sentido para os propios composteláns

20 dic 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O modelo turístico tradicional está en crise, e os visitantes buscan cada vez máis o valor engadido das experiencias nas súas viaxes. A poucos días de abrir a Porta Santa, o presidente de Hospedaxe na Asociación de Hostalería, José Antonio Liñares, sabe que a marca de Santiago cumpre as esixencias. Iso si, nos anos vindeiros haberá un reaxuste entre a demanda e unha oferta hipertrofiada.

-O ano está a piques de rematar, así que é hora de facer balance.

-É complicado facelo. Se atendemos ás cifras, o balance non é positivo. Estivemos nun entorno negativo, a crise ao sector turístico chegou máis tarde pero chegou, o que encetou unha caída dos prezos. Fálase moito das estatísticas de ocupación, semella que son as únicas, pero hai que ver a que prezos. Tamén hai un aspecto positivo. Afortunadamente a cidade sae relativamente ben librada, somos un destino consolidado e os recursos vense menos afectados.

-¿Remontará o Xacobeo a crise?

-Todo o mundo di que o peor ano da crise será o 2010, e xustamente nós temos o ano santo. Hai moitas expectativas.

-¿Houbo promoción abondo?

-Houbo cambio de goberno e desfases orzamentarios, así que entendemos que non se poden botar foguetes. O que si reclamamos é que se lle dea ao turismo e á hostalería a importancia que merece. O 20% da economía compostelá provén deste sector. Ademais, esta vez déuselle menos visibilidade a Santiago. A nós interésanos que a toda Galicia lles vaia ben, pero Santiago é o canón turístico, moito máis que Galicia, porque se asocia coa Galitzia polaca. Ademais, nós temos a diferenciación turística regalada dende a Idade Media. Por outra banda, a xente que vén a Santiago visita toda Galicia. O mellor sería non diluír recursos e empregar as marcas de Santiago, ano santo e Camiño para o resto do país é unha solución.

-Con tanto turismo, ¿desvirtúase a cidade?

-O plan estratéxico xa establece a necesidade de evitar que o casco histórico se desvirtúe pero cambiar esas dinámicas é moi difícil. Estase tratando de dar facilidades á apertura de negocios tradicionais, porque ¿de que nos serven as tendas de todo a cen? Aparte de facerlle perder carácter propio á cidade non aportan nada ao local. Hai que apostar polo desenvolvemento turístico sostible e ordenado para que non se desvirtúe, porque iso é pan para hoxe e fame para mañá. O futuro do turismo pasa por aí, porque os turistas buscan cada vez máis a experiencia emocional, non só o sol e praia. Por iso a hostalería tradicional de grandes establecementos xa non é tan potente canto a demanda. Empresarialmente é outra cousa. Dá unha garantía que quere a xente.