«Dispor da Zona C para un proxecto é un privilexio e un reto moi específico»

C. P.

SANTIAGO CIUDAD

Alumna do máster en Arte, Museoloxía e Crítica da USC, Clara Rodríguez Cordeiro (Compostela, 1983) ve cumprido o soño da súa primeira exposición individual como comisaria, ao gañar o proxecto que presentou ao certame organizado polo programa de mestrado en colaboración co Concello. Inaugurouse hai dous días na sala Zona C coa obra fotográfica de Jesús Madriñán.

-¿Cal foi a xénese do proxecto?

-Coñecía a obra de Jesús, que me interesa moito, e pensei que sería boa idea traballar xuntos nunha proposta, aínda que tamén sabía que arriscaba moito cun artista novo, que está empezando. Pero acertei, porque non fai máis que recibir premios, e poder traballar na Zona C é un privilexio.

-¿Foi fácil poñerse de acordo?

-Si. Chegamos a saber o que queriamos e como se ía chamar antes de ter resolta a obra. Foi moi divertido e enriquecedor, e investigar a aplicación da técnica da anamorfose á fotografía non foi nada fácil, pero saíunos.

-¿Son pioneiros, non é así?

-Ate onde sabemos, si. Se souberamos de alguén que a usara antes teriámoslle escrito para que nos axudara.

-¿É o seu primeiro comisariado?

-O ano pasado fun comisaria dunha colectiva no Macuf, pero a experiencia non ten nada que ver con esta, un reto moi específico para a Zona C. Se non gañara o noso proxecto non sabiamos que facer con el, porque dende a concepción á idea, todo está en función deste espazo.