«O Auditorio é onde mellorsona a música de toda Galicia e case que de España»

Concha Pino

SANTIAGO

Músico por vocación e paixón, fíxose a si mesmo como técnico de son e hoxe é un referente na súa especialidade

21 feb 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A Radio Galega ten un estudo e uns equipos de gravación únicos nun medio radiofónico público, agás o que ten RNE. A fronte deste servizo, que naceu co medio hai vintecatro anos e que está aberto a todos os músicos galegos que o requiren, tanto se son afeccionados ou profesionais, está Pablo Barreiro Rivas, un técnico de son feito a si mesmo que é unha referencia no mundo da música malia que el refuga esa consideración.

Con 9 anos veuse do seu Forcarei natal a Santiago para facer o bacharelato no Seminario, «porque nunha familia como a miña era a única posibilidade que tiñamos de estudar os dous irmáns maiores e logo eu». Chegou coa idea de estudar para cura, «pero era o único que a tiña, porque meus pais so querían que tivera unha formación, e a vía era o Seminario». A vocación pasoulle axiña, «porque nun par de anos empecei a pensar noutras cousas».

O que si fixo naqueles anos de seminarista foi estudar música. Prendera nel a chispa cando tiña uns sete anos. Viñera coa súa nai visitar aos dous irmáns «e José Luis deunos unha guitarra que lle acababa de tocar nunha rifa para que a levaramos a casa no coche de liña. E alí quedou ate que un día veu el e empezou a tocar algunhas cousas que aprendera, e para min foi unha revolución, pareceume impresionante que se lle puideran arrincar sons coherentes a aquel aparato que nunca vira funcionar». Anos despois estudou guitarra clásica en Santiago con Isaac Vázquez Alvite. Esa foi a súa verdadeira vocación, a que o levou a dedicarse profesionalmente á música, tocando en orquestras por festas e verbenas de toda Galicia.

Ate que apareceu a Radio Galega e Pablo percorreu de novo Galicia, esta vez «nunha camioneta chea de trasgos» para gravar a grupos, bandas e demais novas musicais. Non tardou en converterse nun gurú no mundo da música galega pola súa impecable mestría e a súa grande sensibilidade co son, malia que el di que foi totalmente casual, «porque se son unha referencia é porque tiven a sorte de caer nun sitio determinado, onde podo facer un traballo determinado cunhas boas condicións. Calquera outro que estivera aí sería unha referencia». Tamén minimiza a xenerosidade que lle recoñecen moitas persoas: «É moi fácil selo cando tes asegurado o pan. Sei moi ben que estou nun servizo público no que teño que poñer a disposición da xente os medios que a propia sociedade me proporciona. Eu fágoos funcionar en beneficio da comunidade». Neste estudo radiofónico teñen as portas abertas afeccionados ou principiantes que queren gravar unha maqueta de presentación, tanto se son solistas como grupos ou coros que empezan como gravacións en conservatorios de formacións de alumnos. Fan o seguimento da Real Filharmonía de Galicia, da que gravan practicamente todos os concertos, e das bandas populares dun nivel profesional. Tamén gravaron toda a música histórica dos arquivos das catedrais e a recuperacións da medieval e renacentista. O fondo musical da Radio Galega é dos máis ricos, se non o máis, que hai en Galicia.

Pablo asegura que ten a sorte de que lle deixan traballar ao seu aire, ate o punto que ás veces está algo preocupado «porque non sei se me deixan porque non saben o que fago ou é porque realmente o fago ben». É das persoas que mellor coñece a situación da música galega, a súa vitalidade e a súa evolución. «Teño o pracer de estar moi metido no miolo, que vai por ciclos, porque houbo un momento no que as bandas de música avanzaban a unha gran velocidade, pero a medida que foron mellorando a cousa foise amainando, porque é difícil mellorar. E o mesmo pasou co jazz, que se foi asentando, con menos revolución e máis traballo de fondo, como pasou tamén co folk». Podía escribir a historia da música nestes case 25 anos, pero nin o pensou, porque aínda que recoñece que ten unha visión única, «non é completa e non quero monopolizar nada, sería pretensioso pola miña parte, porque hai moitos currunchos que se me escapan». Asegura que foron anos magníficos, entre outras cousas porque antes non había medios nin formación, «¡quen me dera cando estudaba música, naqueles anos nos que había que ir adiviñando e inventando o que xa estaba inventado!».

O mesmo lle pasou como técnico de son, especialización na que é autodidacta, «porque non tiven unha escola e fun pescudando e compartindo coñecementos con outros colegas. Por iso manexo técnicas que son miñas, aínda que logo descobres que chegaches a conclusións doutros, pero podo dar fe que son miñas, aprendendo dende abaixo, observando a vida».

A clave do traballo de Pablo está en ser músico, cousa que lamenta que non sexa unha condición hoxe en día na formación regrada. «Eu non concibo un traballo coma o meu sen ser músico». Pode entender que non o sexa un técnico de sonorización de cine ou de control nunha estación de radio ou nun plató de televisión, «pero para gravar música hai que ver cos ouvidos, pechar os ollos e ver como está colocada a orquestra para poder apreciar cada instrumento nunha gravación. Aí é onde distingo unha boa gravación dunha mala». Di que canto mellores e máis profesionais son os músicos máis doado é traballar.